Sin categoría

Estudantes de A Guarda solicitan unha figura de protección para a Serra da Groba

Despois de dous anos desenvolvendo un proxecto multidisciplinar coordinado polo profesor do Departamento de Ciencias Naturais, Dr. Juan Hermida, o alumnado de 1º de bacharelato do IES A Sangriña de A Guarda solicita ás administracións públicas unha figura de protección para a Serra da Groba.

Xunto á súa solicitude, apoiada polas sinaturas das nais e pais dos 22 alumnos e alumnas que promoven esta iniciativa, acompañan unha memoria que recolle os moitos valores ecolóxicos, faunísticos, florísticos, patrimoniais, xeolóxicos e etnográficos que xustifican a creación dunha figura de protección que garanta a súa mellora, protección e conservación.

A Serra da Groba alberga hábitats, flora e fauna que as directivas europeas obrigan a protexer e conservar. Destacan as brañas, a herpetofauna (anfibios e réptiles) a avifauna (aves), a flora e múltiples especies endémicas. Xunto a estes valores medioambientais atópanse na Serra da Groba numerosísimos elementos patrimoniais históricos como os gravados rupestres ou as mámoas, sobre os que a Comunidade de Montes en Man Común de Oia está xa a desenvolver un intenso labor de posta en valor e difusión. Estes restos prehistóricos son testemuña dos cambios que as poboacións humanas foron exercendo na súa contorna e dende hai aproximadamente 4000 anos, froito da súa relación co territorio. Ata hoxe chegan ata nós elementos etnográficos tradicionais como os curros ou os muíños.

A Serra da Groba dende un punto de vista xeolóxico, posúe elementos que narran a historia da evolución da codia terrestre dunha das zonas máis antigas de Europa, unha verdadeira aula ó aire libre onde quedaron rexistrados no seu relevo a formación do macizo ibérico, os continuos cambios do nivel do mar ou a separación dos continentes europeo e americano hai aproximadamente 200 millóns de anos.

Sen embargo, a Serra da Groba, por atoparse nunha das zonas máis poboadas de Galicia e que soporta unha gran presión demográfica non está exenta de riscos e ameazas que poñen en perigo a súa protección e conservación. A acción humana extinguiu da Serra da Groba o lobo do que aínda quedan na memoria colectiva os últimos once lobos que se viron e as últimas cacerías de lobos. O aproveitamento agrogandeiro mudou a vexetación a través do uso do lume e as explotacións forestais transformaron o bosque autóctono en monocultivos de piñeiros e eucaliptos.

Como consecuencia das actividades humanas achegáronse outros retos medioambientais como os incendios forestais ou as especies exóticas invasoras. Atrás quedan proxectos de campos de golf e parques eólicos que ameazaron con alterar para sempre este territorio.

A crecente sensibilidade da cidadanía cara a necesidade de creación de espazos protexidos que protexan e conserven a contorna e a crecente actividade do turismo de natureza, abre un potente abano de oportunidades no eido do turismo de natureza no seu máis amplo sentido (incluídas as actividades humanas) que podería contribuír á dinamización da economía local. Sen embargo, o escaso coñecemento que se ten acerca da Serra da Groba dificulta a adopción de medidas concretas por parte da administración pública.

Estamos diante dunha ocasión única para materializar unha xestión sostible do territorio que faga compatible a preservación, mellora e conservación dos nosos recursos co desenvolvemento de actividades humanas e económicas que a administración pública non pode seguir ignorando.