Os mellores riders nacionais, protagonistas este fin de semana en Panxón de “Porto Scoot”

O Concello de Nigrán, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, organiza este fin de semana no complexo deportivo de Gaifar (Panxón) a terceira edición do campionato de scooter “Porto Scoot”, un dos poucos eventos de patinete freestyle en Galicia e que reunirá aos mellores rides a nivel nacional. Así, entre os 50 deportistas inscritos de diferentes comunidades e con idades dos 6 aos 30 anos destacan os dous mellores de España, os mallorquíns Lautaro e Borja Mauricio; ou o cuarto mellor júnior do mundo, Álex González, do País Vasco; mención especial merece Iago Senra, nigranés promotor do evento que é actualmente sétimo de España e número 1 en Galicia.

“Son un auténtico espectáculo, moitos deles son nenos que non superan os 10 anos e resulta impresionante o que acadan”, sinalan dende a organización animando á veciñanza a asistir a este evento que naceu en Porto do Molle, onde precisamente o Concello está a rematar nas marxes do río Muíños un espazo deportivo permanente de skate e scooter. “Hai unha gran afección entre os rapaces de Nigrán a este deporte urbano, por iso dende o Concello apostamos forte por Porto Scoot e estamos a rematar estas pistas”, sinala o alcalde, Juan González, quen agarda que a competición “se consolide chegando a ser unha referencia en Galicia e a nivel nacional”.

O campionato arrancará o sábado cos adestramentos dende as 16:00 ás 21:00 horas para renovarse o domingo coa propia competición de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Ata o propio domingo a primeira hora os riders poden inscribirse nas instalacións deportivas de Gaifar. O park instalado garante o máximo espectáculo. Agárdase que a entrega de trofeos para os tres primeiros de cada categoría se realice ás 21:00 horas do domingo.