A cantante e compositora de Mazaricos Tania Fuegho ofrece este sábado 20 de xullo un concerto na Praza Paradela de Gondomar, dentro do programa “Cultura de Verán” organizado pola Concellería de Cultura. A actuación comezará ás 22:30 horas. Xa desde pequena sentía inquietude por cantar, formouse en varias escolas de música e canto para ampliar a súa formación. No ano 2007 e con 18 anos, preséntase a un concurso de Televisión de Galicia chamado “Son de Estrelas”, onde queda como finalista.
Ao mesmo tempo combinaba os estudos de música coas aparicións e colaboracións en diferentes programas da Televisión de Galicia, como “Son de Estrelas”, “Son de Verán”, “Heicho Cantar Queridiña”, “O Sofá”, “Bamboleo” e “Luar”. No ano 2011 foi elixida para ser unha das voces dun anuncio para a FORTA, e no 2012 pasa a formar parte do xurado de “Recantos”, un concurso dentro do programa “Luar”, e no que segue actualmente.
Xa ten gravado un “Maxi Single” chamado “Emigrante”, composto por tres temas, “Emigrante” (coa colaboración do gran músico Anxo Lourenzo, “Todos a Santiago”, e tamén outra vez este mesmo tema “Todos a Santiago” cantado xunto a Alberto Comesaña, unha colaboración de luxo e peso para este primeiro traballo.

