Baiona inicia a súa viaxe a 1493 coa tradicional Cea Medieval de Aceba

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) retomou este sábado, día 25 de febreiro, a tradicional Cea Medieval no Parador de Baiona, que serve de preámbulo para o inicio, a próxima fin de semana, da Festa da Arribada, e que nesta ocasión cumpriu a súa XXII Edición. Con este evento, ACEBA celebrou tamén o seu “XXVI aniversario”. Ao comezo da velada, o Presidente de ACEBA, como de costume, abriu o acto cun discurso onde traslada os seus agradecementos aos empresarios e diferentes autoridades.

Principalmente, transmitiu ás autoridades presentes diferentes necesidades do tecido produtivo da vila, como a canalización adecuada das axudas públicas para a sustentabilidade dos diferentes sectores empresariais, lembrando que as empresas son un dos piares máis importantes para a recuperación económica, e son o principal elo para a sustentabilidade das familias.

Tamén lles indicou que os empresarios son os que xeran emprego e riqueza no territorio; e que son a fortaleza do equilibrio económico, animándoos a traballar en equipo para xerar estratexias que impulsen a economía local. Finalizou o discurso desexándolles a todos unha feliz velada e unha boísima Arribada.

A cea estivo amenizada polo presentador Carlos Veleiro e por varias actuacións a cargo do grupo Malatitsch, finalizando a velada con DJ Events – Disco Móbil, que conseguiu que todos se divertisen e bailasen coa súa música. A programación da cea correu a cargo da empresa Sofistik2.

130 invitados gozaron dunha Cea Medieval, ataviados con traxes de época, e un menú composto por “caldiño de Pedro Madruga”, “asado de cabrito lechal con fritos de cabaza”, “empanada de raxo”, “a froita do Monte Real e degustación de sobremesas do medievo (as filloas do Tío Remigio, Torta do Conde e Almendrados do Convento da Anunciada)”, todo acompañado por “viño da Adega do Castelo e Auga das Pasasiñas”. Coas sobremesas servíronse os Ñoclos de Pinzón e as rosquillas Cristaleiro, así como a “Torta de Sarmiento” e o saboroso “Pan do Forno dos Clérigos”, de Tupana obrador.

Tamén se fixo unha homenaxe a un asociado, Carlos Rodríguez Quintas, propietario da Cafetería Monterrey e un dos fundadores da Asociación. O Presidente de Aceba, Marcos Comesaña Chamorro e membros da Xunta directiva, entregaron unha placa e leron un resumo da súa traxectoria profesional, desde os seus inicios ata o día de hoxe.

A cea finalizou cun concurso de traxes medievais, a tradicional “Queimada” e o sorteo de fantásticos agasallos: unha noite no Parador para dúas persoas; unha mariscada para dúas persoas no Restaurante Rocamar; e un percorrido mariño no Talaso Atlántico.

Entre os asistentes á cea estaban membros da Xunta directiva de Aceba como Marcos Comesaña Chamorro, Roberto Fernández Pino, Susana Rodríguez Rodríguez e Jose María Figueroa Mijón. E tamén contaron coa presenza de, entre outras autoridades, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, os deputados provinciais Ana Laura Iglesias e Santos Héctor Rodríguez, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros Arce, ou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña.