Baiona mellorará a iluminación nas parroquias

Baiona mellorará a iluminación pública exterior en 87 puntos do municipio grazas a un convenio que supoñerá unha ambiciosa renovación da iluminación. O acordo subscrito confirma un investimento de algo máis de 49.000 euros, dos cales uns 39.304,10 son cofinanciados polo FEDER e 7.369,52 por parte da Deputación de Pontevedra, mentres que a cantidade restante será achegada polo Concello de Baiona.

O convenio foi asinado polo Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nun acto que se celebrou o pasado mércores, día 24, no Pazo Provincial.

O obxectivo do mesmo, entre outros, será a substitución das lámpadas actuais por outras máis eficientes de tecnoloxía LED, substitución de luminarias por outras con maior rendemento e lámpadas de menor potencia… o que conlevará unha redución do consumo, polo menos, nun 30 %. As zonas que se beneficiarán desta mellora serán tramos que corresponden a distintas parroquias.

Segundo o Alcalde, esta primeira fase prevé a mellora substancial da iluminación destas zonas e supoñerá en consecuencia o aforro na factura da iluminación pública. Ademais se gañarase en seguridade viaria para peóns e tráfico rodado. Gómez quixo destacar a importancia política da cooperación entre administracións «e unha mostra é este convenio», agradecendo á Presidenta da Deputación a súa colaboración. O rexedor desexa seguir mantendo unha liña directa de traballo en beneficio de todos os baioneses.

Anuncios