
A VIII edición do Torneo Dani da Rocha Prol, que formou parte do XIV Circuíto Galego de Xadrez Escolar, volveu concentrar o pasado sábado no Pavillón Municipal de Panxón (Nigrán) a preto de 200 nenos xadrecistas procedentes de toda a xeografía galega. O día amenceu nubrado e fresco, convidando a que os máis pequenos empregásense ao máximo nas súas partidas enfrontando aos seus exércitos sobre o taboleiro. Durante toda a xornada, os nenos deron mostra de concentración e deportividade aos adestradores, pais e delegados. Pero tampouco faltou tempo para o descanso e para gozar dunha reconfortante merenda e coñecer novos amigos cos que compartir a afección que a todos apaixónalles, o xadrez.
Categoría SUB – 8
O podio estivo moi disputado na categoría dos máis pequenos. Antón Lorenzo Mosquera de Xadrez Ourense, que perdeu só a primeira partida con Adrián Argudin Fernández de Xadrez Ramiro Sabel, fíxose coa vitoria do torneo. Saúl Costas Senlle de Xadrez Mos ocupou a segunda posición, empatado a puntos con Maia Pérez Sousa de Xadrez Mos, terceira clasificada.
Categoría SUB – 10
A categoría estivo dominada por Iago Fernández Ramos de Xadrez Brétema. Non sen motivo encabeza a clasificación do Circuíto Galego Xadrez Promoción. Iago venceu con contundencia todas as súas partidas. Mateo Dibuja Conde, da Universidade de Vigo, despois de perder con Iago a primeira partida, colleu as rendas do torneo gañando con firmeza aos seguintes rivais, o que lle valeu para facerse coa segunda posición do torneo. Sergio Diniz López do Círculo Xadrez Narón foi terceiro.
Categoría SUB – 12
O campión da categoría foi Alejandro Cereijo Suárez de Xadrez Compostela, o que lle axudará a seguir ocupando as primeiras posicións do Circuíto Escolar. Alejandro só cedeu unhas táboas con Breixo Longueira de Xadrez Algalia na terceira rolda. A segunda clasificada foi Pura Diéguez Novoa de Xadrez Benchoshey. Pura só perdeu con Paula Suárez Gómez do CX Fontecarmoa, terceira clasificada.
Categoría SUB – 14
Esta categoría estivo moi disputada, pero finalmente David Cernadas Cameán de Xadrez Brétema fíxose coa vitoria despois de facer táboas en primeira mesa a Xabier Pérez Ochandategui do Círculo Chantandino, que ocupou a terceira posición. O segundo veleiro levoullo Luis Joaquín Alonso Pacheco da Escola Xadrez Pontevedra.
Categoría SUB – 20
En relación con outras edicións a participación nesta categoría foi en aumento. Foron 31 os mozos que loitaron durante as 7 roldas por chegar aos postos de podio. Xulio del Prado Rodríguez de Xadrez Tui deu mostras da forte preparación e progreso que está a demostrar nos últimos meses. O pequeno, do ano 2007 (categoría Sub-12), quixo enfrontarse cos maiores do torneo e non defraudou, xogando as últimas roldas en primeira mesa e deixando só unhas táboas na rolda 3 con Manuel Anxo Cabanas da USC. O segundo posto levoullo o tamén prometedor Rubén Fernández López de Escola Xadrez Pontevedra, do 2005 (Sub-14), que perdeu só con Xulio e tamén ocupou as primeiras mesas. Marcos Vázquez Gómez de Xadrez Ourense, foi terceiro.
Entrega de Trofeos e Agasallos para os participantes
Unha vez finalizadas as partidas, Patricio Salgado, o árbitro principal, pechou as clasificacións e deu comezo a entrega dos trofeos aos gañadores e a todos os participantes, da man do alcalde de Nigrán, Juan González, e o concelleiro de Educación e Deportes, José Luis Sanromán, que acompañaron ao presidente do Club Xadrez Laroca, José Manuel Fernández. Contaron unha vez máis co inestimable agarimo e a entrañable presenza da familia de Dani da Rocha.
Despois da entrega de trofeos celebrouse un sorteo entre todos os participantes do torneo, para repartir dúas bicicletas, dúas tablets un dron con cámara incorporada e mando a distancia, altofalantes bluetooth, cascos inalámbricos, mochilas e diverso material deportivo, libros, taboleiros; e unha infinidade de sorpresas que con agarimo, os pais de Dani, Rafael e Inés, e a entusiasta Paula da Rocha, repartiron entre os agraciados.