A Garda Civil intervén en Gondomar un lote de plantas exóticas expostas á venda na internet

sdr

A Garda Civil interveu en Gondomar uns 200 exemplares de plantas exóticas (xacintos e leitugas de auga) que estaban expostas á venda a través de internet. Trátase dunhas especies orixinarias de América do Sur que foron introducidas como plantas ornamentais acuáticas para estanques e acuarios en varias partes do mundo.

O xacinto de auga, que foi noticia recentemente polos graves problemas que suscitou coa invasión do leito do río Guadiana, é unha das especies invasoras máis perigosas que, xunto coa leituga de auga, están incluídas como tales no Real Decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o catálogo español de especies exóticas invasoras, o que conleva a prohibición xenérica da súa posesión, transporte, tráfico e comercio.

A actuación, levada a cabo polos efectivos da Patrulla do SEPRONA da Garda Civil do Porriño, iniciouse ao ter noticia de que, a través de internet, unha persoa ofrecía a venda unha ampla variedade de plantas acuáticas, entre as que figuraban algunhas especies exóticas invasoras tales como: xacintos de auga (“Eichhornia Crassipes”) e leitugas de auga (“Pistia Stratiotes”).

Ao comprobar a identidade do anunciante, o SEPRONA acudiu ao seu domicilio en Gondomar, onde se puido comprobar que tiña un xardín cun estanque, con preto de dous centenares de plantas, na súa maior parte xacintos e leitugas acuáticas.

A inspección do SEPRONA concluíu coa elaboración dun informe-denuncia que se remitirá á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia por unha suposta infracción á normativa que regula a posesión e venda de especies incluídas no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. As plantas quedaron no estanque en calidade de depósito e ao dispor da administración competente.

Anuncios