Regades destaca que o PSdeG foi “o único partido na provincia de Pontevedra capaz de chegar a acordos”

David Regades, secretario xeral provincial, dou conta esta mañá de venres dos diferentes acordos acadados a nivel municipal nos concellos da provincia, destacando que o PSdeG foi “o único partido na provincia de Pontevedra capaz de chegar a acordos”.

“O que máis se prima en España, en Galicia e na provincia de Pontevedra é escoitar e ser capaces de acordar”, sinalou o máximo dirixente do partido na provincia, que recordou que a prioridade das e dos socialistas é “favorecer acordos de progreso” nas vilas e cidades da provincia cunha “liña vermella”, non outorgar gobernos ao PP alí onde houbese unha alternativa.

“A estas horas, o Partido Socialista vai gobernar 619.975 veciñas e veciños da provincia”, o que supón un 66% do total. “De forma directa, con alcaldías 497.703 persoas terán unha alcaldesa ou alcalde socialista, máis do 53% da poboación” de Pontevedra.

Regades quixo agradecer ás concelleiras e concelleiros socialistas “o grande esforzo realizado” tras as pasadas eleccións, que permitirá aos socialistas, á espera do que suceda nas próximas horas, onde o número pode aumentar, ostentar 20 alcaldías, 10 delas con maioría absoluta e outras nove a través de maiorías simples ou acordos de investidura ou goberno.

Pactos de investidura e de goberno

Máis en detalle, en Meis chegouse a un acordo de investidura co BNG que permitirá a Marta Giráldez ser alcaldesa durante os próximos catro anos, poñendo fin ao goberno do PP. Situación similar á de Forcarei, onde, asegurada a investidura para Verónica Pichel, sigue aberta a posibilidade de conformar un goberno plural.

Tamén en Redondela ten Digna Rivas asegurada a súa elección como alcaldesa este sábado tras o acordo ao que se chegou con AER e BNG. Ao igual que en Forcarei, as conversas seguen abertas para valorar a posibilidade dun goberno con participación destas dúas forzas.

Vilaboa, Tui, A Guarda tamén terán alcaldes socialistas. Unha vez asegurada a investidura, nos tres concellos se manteñen conversas entre as diferentes forzas de progreso para explorar a posibilidade de gobernos de coalición.
Por outra banda, Baiona e A Cañiza xa firmaron cadanseu pacto de goberno para os próximos catro anos. No caso da vila do Val Miñor, Carlos Gómez será alcalde co apoio do BNG e Nós Baiona, que entran no executivo; na Cañiza, Luís Piña remata coa hexemonía do PP co apoio do único concelleiro de Ciudadanos, que ostentará responsabilidades de goberno.

Nas últimas horas acadouse un acordo no Porriño para que Eva García de la Torre siga á fronte da alcaldía. Por último, mención aparte merece o caso de Caldas de Reis, onde as negociacións seguen avanzando para que José Manuel Rey continúe na alcaldía catro anos máis.

Ademais, as e os socialistas formarán parte de tres gobernos de progreso encabezados polo BNG nos concellos de Pontevedra, Poio e Ponteareas, e facilitarán que se invistan alcaldesas e alcaldes de progreso en Cangas e Moaña.
Por último, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Nigrán, Gondomar, A Illa de Arousa, Silleda, Fornelos de Montes, Cuntis, O Grove e Ponte Caldelas terán gobernos con maioría absoluta socialista tras os grandes resultados colleitados o pasado 26 de maio.

Negociacións abertas

Regades, que se mostrou moi satisfeito polas negociacións levadas a cabo ata o de agora, sinalou que estas cifras poden modificarse nas próximas horas, ao continuar as negociacións abertas en Salceda de Caselas, Catoira, Vila de Cruces, As Neves e Meaño, mostrándose seguro de que as mesmas chegarán a bo porto dada a vontade de entendemento que prima entre os partidos.

Sobre este último concello, o secretario xeral defendeu a postura da dirección provincial, “unha aposta polo cambio político que permita rematar con 40 anos de gobernos do PP en Meaño”. Regades sinalou que o partido porá “todas as ferramenta para que ese cambio sexa posible” e dar paso a un goberno cuxo interese sexa “as veciñas e veciños”.

Anuncios