
Con motivo da celebración do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, o deputado delegado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, o concelleiro de Xuventude, Normalización Lingüística e Sociedade do Coñecemento, Luis Alberto Oubiña, e a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, participou hoxe na entrega de premios do concurso provincial “Xoga coas manciñas” no Pazo Provincial, un certame para as nenas e os nenos da provincia de educación infantil e primaria, no que tiveron que gravar un vídeo en lingua de signos dun conto, canción ou poema dunha autora ou autor galega/o. A presidenta da institución provincial destacou a importancia que ten a comunicación xa que “é fundamental, é o que nos fai felices, poder falar unhas e uns con outras e outros” e fixo fincapé na lingua de signos que “nos permite falar con algo marabilloso, coas mans, que son o instrumento máis fermoso que temos, só os seres humanos temos unhas mans que nos permiten construír”. Amais, Silva tamén amosou o seu orgullo por participar nesta iniciativa, “é un proxecto marabilloso, un proxecto humano, un proxecto de sociedades que merecen a pena”.
Durante o acto, a presidenta da Deputación fixo entrega do primeiro premio ao alumnado de educación infantil do EEI Montealba (Vigo) polo vídeo “O Can Raro”, un proxecto colaborativo xunto a Cé Orquestra Fantasma e o alumnado universitario do curso de Comunicación Audiovisual. Carmela Silva tamén entregou o primeiro premio na categoría de educación primaria ao alumnado de 4º de primaria do CEIP Carlos Casares (Nigrán) por “O poema de outono”, un vídeo musicado polo coro tradicional “Cantares de Brión” a partir dun tema orixinal de Manuel María. Pola súa banda, Digna Rivas fixo entrega do segundo premio ás nenas e nenos de 1º de primaria do CEIP Escardia (Vilagarcía de Arousa) por “Soñar”, poema de Antonio García Teijeiro musicado. O segundo premio na categoría de educación infantil, entregado por Xosé Leal, foi para o alumnado da Escola Infantil Dalila (O Morrazo) por “Xoga coas Manciñas”. No que respecta ao terceiro premio, na categoría de educación infantil foi para as nenas e nenos do CEIP Plurilingüe Quiroga Palacios (Santiago de Compostela) por “Os meses do ano”, entregado por Mª Jesús Monterde; e na categoría de educación primaria, Luis Alberto Oubiña fixo entrega do premio ao alumnado de 6º de primaria do CEIP Carlos Casares (Nigrán) por “Que feita que linda”, un poema de Antonio García Teijeiro musicado por Eloy Porto co gallo do acto de apadriñamento de aulas”. Os vídeos gañadores foron proxectados durante esta presentación, que foi clausurada cunha interpretación musical do dúo “Matrioskas”, composto por Marta Ortiz e Sofía Espiñeira.
Tamén para conmemorar este Día Nacional das Linguas de Signos, que se celebra cada 14 de xuño dende 2014 para recordar a data na que se constituíu a Confederación Estatal de Persoas Xordas, o pazo provincial da Deputación tinguiuse onte pola noite de cor turquesa e volverá facelo esta noite, permanecendo iluminado ata mañá pola mañá. Este día é unha ocasión para lembrar o papel fundamental que xogan para a transmisión de ideas, a relación persoal e social e o intercambio de coñecemento. Por isto, o goberno provincial uniuse aos actos organizados por Xoga, unha asociación de iniciativa social sen ánimo de lucro cuxa misión é defender os dereitos fundamentais, e así lograr mellorar a calidade de vida e benestar das persoas con diversidade funcional auditiva de Galicia. Así mesmo, no marco destas accións, a sede de Turismo Rías Baixas vai acoller unha exposición de Alfredo Palau, artista xordo cunha ampla e recoñecida traxectoria como deseñador gráfico, cuns traballos que amosan unha particular visión da arte pop. A mostra poderá verse dende o 19 de xullo ata o 4 de agosto.
Segundo datos da OMS, a xordeira afecta a máis do 5% da poboación mundial, é dicir, a aproximadamente 360 millóns de persoas en todo o mundo, dos que 32 millóns son nenas e nenos. En España, a xordeira afecta ao redor dun millón de persoas (das que case o 72% teñen máis de 65 anos). No que respecta á provincia de Pontevedra, máis de 16.000 persoas viven con algún tipo de problema sensorial, das que a metade, unhas 8.000 persoas, contan cun problema auditivo.