Unanimidade na executiva socialista para que Silva repita como presidenta da Deputación

A Comisión Executiva Provincial vén de reunirse este martes para analizar os resultados das eleccións municipais e fixar os pasos a seguir de aquí ata a constitución dos concellos e da Deputación de Pontevedra.

David Regades, secretario xeral, anunciou que a dirección viña de elixir por unanimidade a Carmela Silva como candidata para volver a presidir a Deputación de Pontevedra, cargo ao que chegou hai catro anos. “O nomeamento definitivo terá que ser ratificado polo Comité Provincial”, explicou, órgano que se reunirá o próximo 17 de xuño, e onde tamén se dará conta das deputadas e deputados provinciais.

“Sumamos tres novos asentos na Deputación de Pontevedra, quedando a un só de ter a maioría absoluta”, apuntou o secretario xeral, “dous polo partido xudicial de Vigo e un polo de Pontevedra”.

Ante as preguntas dos xornalistas, Regades apuntou que, polo de agora, o partido está centrado en “facilitar todos os gobernos de progreso posibles nos concellos da provincia”.

“Excelentes resultados”

“Estamos moi contentos tras os excelentes resultados acadados polo PSdeG-PSOE na provincia”, sinalou o máximo dirixente provincial tras dar conta dos mesmos. As e os socialistas conseguiron o pasado domingo 26 de maio 197.445 votos, un 38,33% do total, situándose como primeira forza. Estas cifras supoñen un crecemento de 7,93 puntos e 46.277 votos con respecto a 2015; e 13,50 puntos e 67.0121 votos con respecto a 2011.

Así, o Partido Socialista contará con 11 maiorías absolutas: Vigo, Vilagarcía de Arousa, Silleda, A Illa de Arousa, Gondomar, Nigrán, Cuntis, O Grove, Ponte Caldelas, Fornelos de Monte e Tui (a espera da resolución da reclamación elevada á Xunta Electoral Central).

A estes hai que sumarlles catro maiorías relativas (Baiona, Caldas de Reis, Catoira e Vilaboa); oito concellos onde as e os socialistas teñen posibilidades de liderar un goberno de progreso (Cambados, Redondela, A Cañiza, Forcarei, Meis, A Guarda, O Porriño e Pontecesures); e outros nove onde poderían entrar a formar parte do goberno (Cangas, Meaño, Moaña, As Neves, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas e Vila de Cruces).

719.849 habitantes de Pontevedra contarán con gobernos de progreso

En total, 23 concellos onde poden liderar gobernos, máis os nove onde poderían ostentar responsabilidades, o que en termos de poboación supón que 719.849 veciñas e veciños da provincia contarán con gobernos de progreso coa participación do PSdeG-PSOE, un 76,43% dos preto de 950.000 habitantes que ten Pontevedra; fronte aos 221.923 habitantes que contarán cun goberno do PP.

Regades quixo poñer en valor o gran crecemento experimentado polas candidaturas de varios concellos: Cuntis (29,22 puntos de crecemento e 4 concelleiras máis); Tui (27 puntos máis e 6 asentos); Ponte Caldelas (26,59 puntos máis e 5 concelleiras); Nigrán (23 puntos e 6 escanos); e Vigo (15,82 puntos e 3 asentos máis).

“Estamos convencidos de que máis que nunca hai que falar con todos e, sobre todo, hai que escoitar”, expuxo Regades na rolda de prensa posterior á Executiva, para quen os resultados responden a unha campaña socialista de “propostas e conciliación”, avalada pola cidadanía unha vez máis, fronte a un PP que fixo do “insulto e desprezo aos rivais” a súa máxima.

A partir de agora, a executiva provincial “apoiará aos grupos municipais e ás executivas locais” para conformar os gobernos nos diferentes concellos, coa vista posta no 15 de xuño, data da constitución dos mesmos. “Desde esta executiva defendemos a autonomía local”, asegurou Regades.