A Asemblea Local do BNG considera desastroso o seu resultado en Nigrán

O BNG de Nigrán reuniu á súa asemblea local para valorar os resultados obtidos pola formación nas pasadas eleccións municipais, así como a situación na que queda o concello tras as mesmas. Despois dunha sosegada análise, Xavier Rodríguez, ata o de agora portavoz municipal da formación, considerou un auténtico desastre o resultado acadado en Nigrán, tanto no que atinxe especificamente ao BNG, como ao conxunto da corporación, na que a fragmentación do voto deixa reducida a representatividade institucional ao Partido Popular e ao Partido Socialista.

“Este resultado converte ao noso concello nunha anomalía democrática sen correspondencia en todo o país, pois é a única localidade cunha certa entidade poboacional na que a representación política se reduce aos dous partidos maioritarios. Isto é consecuencia do auténtico tsunami de voto socialista, pero tamén, especialmente no noso caso, do reparto entre dúas formacións do exiguo espazo de sensibilidade nacionalista existente en Nigrán”, lamenta Xavier Rodríguez.

Non obstante, segundo o BNG, o resultado tamén revela un deficiente traballo previo, “pois somos conscientes que de ter sido este mellor as posibilidades de manter a representación, incluso nestas circunstancias, tamén terían sido maiores”.

“De todos os xeitos, estes anómalos resultados en Nigrán deixan a máis de 1.600 votantes, de diferentes tendencias, sen representación na corporación municipal, polo que entendemos obrigatorio o traballo dende fóra da mesma para defender os seus intereses. Traballo que no caso do BNG exercerá o seu Consello Local ata a oportuna renovación de órganos”, conclúe o ata agora portavoz municipal.

Anuncios