O Concello de Baiona homenaxeou este luns ao Doutor Lorenzo Pousa Estévez, coa entrega da distinción de “Fillo Adoptivo” da Real Vila, concedido pola Comisión de Honras e Distincións.
O Salón de Plenos de Baiona acolleu un acto no que tamén estiveron presentes traballadores do Centro de Saúde e pacientes, así como o alcalde, Ángel Rodal, membros da Corporación Municipal, e os ex rexedores Jesús Vázquez Almuiña, actual conselleiro de Sanidade, Manuel Vilar e Carlos de la Peña.
Un grupo de veciños presentou no mes de febreiro por Rexistro no Concello unha petición na que solicitaban a distinción, así como que o Centro de Saúde dos Tendais leve o seu nome, querendo corresponder así á súa “exemplar dedicación humana e vocacional” tras ter coñecemento do seu cesamento como director do Centro de Saúde de Baiona por enfermidade.
O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, puxo en valor o traballo feito polo Doutor Pousa durante os 31 anos ao servizo da medicina en Baiona e o Val Miñor nun Salón de Plenos repleto de veciños. “Pola súa calidade humana, permanente boa disposición, cordial trato e prestixio científico, é considerado como un referente humano en todos os ámbitos da sociedade baionesa e moi querido e respectado por todos nós”, sinalou o rexedor.
“É un día moi especial para min e un dos máis felices da miña vida”, afirmou Pousa ao comezo da súa intervención. “A Baiona cheguei de casualidade -dixo o Doutor-, e ao longo de todos estes anos pódese dicir que eu non tiven pacientes, o que tiven en Baiona foron amigos, isto permitiume facer no posible unha medicina humana”.
O homenaxeado tamén tivo palabras de recordo e de agradecemento cara aos veciños e veciñas que iniciaron a recollida de firmas para solicitar esta distinción. “Interprétoo como un acto de amor moi grande de todos vós cara a min, un acto de amor que faría unha nai cun fillo, un acto de amor en familia, polo que é o maior premio que podo ter”.
“Co que estades a facer hoxe estádesme aceptando como fillo, para min Baiona neste momento é a miña segunda nai e vós sodes os meus irmáns. Sinceramente, un fillo nunca abandona unha nai e eu nunca vos abandonarei”, concluíu Pousa.
Lorenzo Pousa Estévez nado en Beade (Ourense) en 1956, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en Medicina Interna e Xeral, exerceu como profesor universitario durante moitos anos na Escola Universitaria de Enfermería, primeiro en Santiago e finalmente en Vigo.
A súa relación profesional con Baiona iníciase o 1 de decembro de 1986, cando adquire a praza de titular de medicina e ingresa como facultativo no Instituto Social da Mariña, onde entraría por primeira vez en contacto directo coa poboación baionesa.
“A súa perseveranza, o seu carácter comprometido coa saúde e o meticuloso desempeño da súa profesión durante anos, fixo que o Doutor Pousa trasladase reiteradamente ao Servizo Galego de Saúde a necesidade dun novo Centro Médico que dese cobertura á demanda existente na crecente localidade. Esta persistencia deu o seu froito cando en pouco máis de 2 anos, concretamente no 2005, o Presidente da Xunta de Galicia por aquel entón D. Manuel Fraga Iribarne, inauguraba o Centro de Saúde dos Tendais nun tempo récord, feito que lle encheu de profunda satisfacción ao ver cumpridas as súas aspiracións para Baiona”, destaca a proposta presentada ante á Comisión de Honras e Distincións de Baiona.
Foi nomeado xefe da Unidade de Asistencia Primaria de Baiona no novo centro inaugurado, contribuíndo á mellora da calidade de vida dos seus pacientes e achegando coñecemento e profesionalidade a todo o equipo de médicos que o compoñen. Entre os anos 2008 e 2016 creou no seu centro de traballo un equipo de ecografía composto por médicos coa intención de que adquirisen a formación teórica e práctica necesaria para a realización das ecografías aos pacientes de todo o Val Miñor que o necesitasen.












