Co-mando Ghichas organiza unha xornada de deseucaliptización en Gondomar

A Plataforma Cousa de Raíces, no marco das actividades organizadas en torno ao Día Mundial do Medio Ambiente, convoca a toda a sociedade galega a participar nunha nova xornada deseucaliptizadora-desacaciadora dos montes galegos. Desta vez unhas 25 entidades de carácter ecoloxista, veciñal e comunidades de montes participarán na xornada.

O Co-mando Ghichas, colectivo de acción e concienciación social do Val Miñor, membro da Plataforma Cousa de Raíces, quere colaborar nesta campaña. Deste xeito organizan unha acción que conta coa autorización da CMVMC de Vincios, eliminando os eucaliptos que agromaron tras os pasados incendios na zona dos Casás, en Chaín.

Convidan á veciñanza a participar nela. Será o día 8 de xuño, de 10:30 a 14:30 horas. O punto de encontro será ás 10:00 da mañá na rotonda que vai para Chaín e Couso, na estrada de Gondomar-Vincios, PO-331. Para inscribirse ou informarse escribir ao enderezo comandoghichas@gmail.com.

Queren tamén animar aos colectivos do Val Miñor, veciñanza e comunidades de montes a organizar accións semellantes. O obxectivo é resaltar os efectos negativos destas especies invasoras nos nosos montes, o eucalipto e a acacia, e reivindicar outra forma de xestión forestal que defenda o noso bosque autóctono e a biodiversidade.