Máis de medio millón de euros para novo equipamento nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Centro de Saúde de Baiona.

O Servizo Galego de Saúde investirá máis de medio millón de euros na adquisición de novos equipos electromédicos para os centros de saúde da área sanitaria de Vigo. Así figura no expediente de licitación xa publicado no perfil do contratante do Sergas.

O orzamento de licitación ascende a 579.348 euros. Esta cantidade irá destinada á adquisición de 57 electrocardiógrafos (234.498 euros), 50 desfibriladores ((cun custo de 272.250 euros) e 3 ecógrafos (72.600 euros), que se incorporarán aos centros de saúde da área sanitaria viguesa en canto se adxudique o concurso público xa convocado.

Esta adquisición é unha das medidas a curto prazo comprometidas no marco do Plan de Atención Primaria 2019-2021, de renovación de equipamento e material de diagnóstico obsoleto dos centros de saúde así como a dotación do equipamento necesario.

Máis prestacións

Os novos equipos electromédicos permitirán aumentar as prestacións de probas diagnósticas dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo.

Así, os equipos de electrocardiografía permitirán que o especialista poida acceder de forma directa aos datos do electrocardiograma. Este modo de traballo permitirá un diagnóstico máis preciso, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Con respecto dos desfibriladores, entre as especificacións técnicas solicitadas destacan que os equipos estean dotados de alta enerxía para a desfibrilación, adquisición de ECG a través de pas e a través de cable de paciente permitindo a súa monitoraxe, o rexistro e almacenamento dos sucesos (en modo manual e semiautomático), así como a incorporación de pas externas reutilizables de uso en pacientes adultos e pediátricos.

Pola súa banda, a renovación dos ecógrafos permitirá a mellora na realización de programas específicos de saúde como: ecografía abdominal, urolóxica, xinecolóxica e de aorta e grandes vasos que permiten ao profesional de Atención primaria descartar patoloxías no paciente, evitando o desprazamento de pacientes á atención especializada.

Anuncios