O saneamento do Barrio da Pedra en Morgadáns, visto para sentenza

Quen coñeza o Barrio da Pedra en Morgadáns saberá que se trata dun barrio histórico único no Concello de Gondomar, e que aínda así carece dun servizo tan básico como é o saneamento. Trátase dunha vella reivindicación dos veciños do barrio, e que malia contar con varios proxectos redactados para levalo a cabo, o primeiro de 2008, e incluso contar coas diferentes autorizacións sectoriais (Augas de Galicia dende primeiros deste ano); ducias de pronunciamentos plenarios unánimes, etc, a día de hoxe está sen facer.

O último acordo plenario, tamén por unanimidade, foi en febreiro de 2018 onde se acordaba expresamente incluír as obras do saneamento da Pedra na Liña 1 do Plan Concellos de Deputación Provincial de Pontevedra. Xa que logo, un acordo vinculante, toda vez que indica expresamente de onde ten que saír o financiamento das obras acoutando a discrecionalidade do Alcalde.

“Foi precisamente a negativa do Alcalde a cumprir ese acordo plenario vinculante e a consensuar con Manifesto Miñor (nesa altura socios de goberno) o Plan Concellos da Deputación, o que nos obrigou a interpoñer no Xulgado do Contencioso Administrativo un preito por inactividade do Concello que quedou visto para sentenza o pasado 30 de abril”, sinala Antonio Araújo.

“A veciñanza debe saber, por se aínda alguén ten dúbidas, que Paco Ferreira é un alcalde que rexeita por sistema o consenso e que só pensa no seu beneficio persoal e político, desprezando todas aquelas propostas que non veñan del mesmo. Foi por iso que non tivemos máis alternativa que acudir aos tribunais para facer cumprir un acordo plenario, cuxo cumprimento, as obras proxectadas, axudarían a resolver un grave problema, incluso de salubridade pública, de grande urxencia”, engade Araújo.

Dende Manifesto Miñor, e dado como se desenvolveu o xuízo, teñen fundadas esperanzas en que a Xustiza por fin rematará con tantos anos de abandono municipal do Barrio da Pedra, obrigando a Paco Ferreira a cumprir un acordo plenario que el mesmo votou a favor. “A maiores, con esta acción, queda claro tamén o compromiso de MM coas necesidades básicas das parroquias de Gondomar que tan pouco lle importan ao alcalde actual”, conclúe Araújo.

Anuncios