
O Val Miñor celebrou este venres, como é habitual coincidindo co Día das Letras Galegas, unha edición moi especial da Festa da Bicicleta, organizada polos Concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, xa que o evento cumpriu tres décadas. Nigrán foi nesta ocasión a anfitrioa da celebración. Os primeiros en comezar a ruta foron os ciclistas que se deron cita o Pavillón de Panxón, lugar desde o que iniciaron un percorrido de ida e volta, pasando pola Ramallosa, para recoller aos veciños de Gondomar na Praza do Concello. De volta a Panxón, o pelotón de Baiona, que saíu desde a Entrada ao Parador, incorporouse na Ramallosa.
Ao finalizar o percorrido os ao redor de 800 ciclistas de todas as idades congregáronse no Pavillón de Panxón, onde recibiron un pequeno avituallamento para repoñer forzas e onde se realizou o sorteo de agasallos, no que se repartiron tres bicicletas -unha por municipio-, 30 cascos, 30 pares de luvas e 30 botellas. Non faltou a torta para celebrar o aniversario, cuxas velas sopraron todos os participantes. No acto estiveron presentes os tres alcaldes da comarca, Ángel Rodal, Paco Ferreira e Juan González, ademais dos concelleiros dos tres municipios, Mª Jesús Martíns, Nuria Lameiro e José Luis Sanromán.
O obxectivo desta marcha ciclista non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter máis de 7 anos e estar capacitado para completar o percorrido en bicicleta e ter ganas de pasar un día de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas do Val Miñor en compañía dos veciños da comarca para celebrar un acto de carácter popular e deportivo. Para garantir a seguridade dos ciclistas púxose en marcha un dispositivo policial común para todo o Val Miñor así como outro paralelo de Protección Civil. Tamén colaborou a Garda Civil de Tráfico.