A Deputación destina preto de 10.000 € a Gondomar no marco do Plan Concellos

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, catro novas achegas para a vila de Gondomar ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2017”. Cun importe total situado en 9.940 euros, o concello do Val Miñor empregará os catro investimentos para a festa da rosquilla, un curso de portugués, a organización da XVII edición da Carreira Pedestre Memorial Manuel Barros e para a contratación dun monitor ou monitora para o transporte de persoas con mobilidade reducida.

Anteriormente, Gondomar xa recibira a cantidade de 360.680,58 € para levar a cabo a adquisición dun vehículo para a concellaría de Vías e Obras e dunha desbrozadora de brazo lateral, o desenvolvemento dun proxecto de instalación dunha pasarela peonil na contorna do seu Mercado de Abastos, a compra dun vehículo que empregará o persoal da Concellaría de Benestar Social, actuacións en seguridade viaria e reparacións e melloras de camiños. Á marxe da liña 1, outros 63.469,57 € en liña 2 para distintos gastos correntes e actividades como unha aula de teatro, obradoiros de memoria, de informática de mantemento ou de informática para persoas maiores, promoción turística e comercial da vila, un ciclo de cinema, o “Gondoverán” 2017, unha carreira a prol da corresponsabilidade, entre outras, e finalmente outros 211.00,61 € en liña 3 para a contratación de 21 persoas nos distintos servizos municipais desta vila.

Grazas a esta nova achega, a vila de Gondomar xa leva aprobado o 68,57% do total de investimento que recibe dentro do “Plan Concellos 2017”, isto é, 645.090,76 € dun total de máis de 940.000 euros.

Anuncios