O paseo fluvial de Baredo contará en breve cun novo tramo

O Concello de Baiona construirá un novo tramo de 500 metros no paseo fluvial de Baredo co obxectivo de revitalizar a senda xa existente, sumando así un paseo de máis de 1.250 metros. Este itinerario acometerase entre a terminación do tramo existente ata a súa chegada á Torre.

A senda fluvial discorrerá sobre unha pasarela de madeira, cunha anchura de 1,50 metros, ancorada no terreo, e ao longo do trazado tamén se colocará mobiliario urbano. Deste xeito, non só crearase un acceso que facilite o tránsito peonil aos veciños de Baredo, xa que os que desexen poden escoller esta alternativa para acurtar moitos metros, senón que tamén se recupera unha contorna paralela ao río cunha actuación respectuosa co medio ambiente e integrada na paisaxe.

O investimento ascende a 118.444,53 euros e os traballos prevese que empecen a executarse nas próximas semanas. O prazo de execución será duns 45 días e correrá a cargo da empresa U.T.E BAREDO, integrada polas entidades mercantís Ecogarden Galicia, S.L. e Excavaciones y Construcciones Laureano Covelo, S.A. Esta U.T.E comprométese ademais á realización do servizo de mantemento durante 7 anos.

“Continuamos avanzando na recuperación dos espazos naturais da nosa vila, poñendo en valor e preservando desta forma o noso patrimonio ambiental e cultural das nosas parroquias e creando así zonas de desfrute para o uso de todos os veciños e visitantes”, explica o Alcalde da Vila.

Anuncios