O CB Nigrán presenta os seus novos equipamentos na súa festa de inicio de tempada

O Club Baloncesto Nigrán viviu onte sábado unha xornada moi especial, a festa de presentación de todos os seus equipos para esta nova tempada 2021/2022 que se celebrou no Pavillón Municipal de Panxón. O acto comezou co desfile dos nove equipos que competirán esta tempada vestidos cos novos equipamentos que o club adquiriu.

O primeiro equipo en aparecer en pista foi o equipo sénior, a continuación fixérono o equipo júnior masculino, os dous equipos cadetes masculinos, o cadete feminino, o equipo infantil masculino, o equipo alevín, o equipo benxamín e pechando o desfile os máis pequenos do club, o equipo baby.

Cos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores e adestradoras que baixo a dirección deportiva do club levarán a cabo o traballo coas diferentes categorías ao longo de toda a tempada. Ao acto asistiron o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, ademais doutros representantes políticos.

Ao finalizar o desfile, e antes da foto final de grupo, o club quixo obsequiar a adestradores e outras personalidades que colaboran co club agradecendo ese labor desinteresado. A presidenta do CB Nigrán, Nuria Gómez, pechou o acto desexando unha boa tempada a todos os equipos.