Novo Punto de Igualdade en Gondomar

As Concellerías de Igualdade, Xuventude, Cultura e Deportes de Gondomar traballan xuntas transversalmente nun proxecto pioneiro pola sensibilización en igualdade e prevención contra a violencia de xénero. No pasado mes de marzo, estes departamentos, todos eles dirixidos por Nuria Lameiro, combináronse para deseñar conxuntamente un proxecto pioneiro no Val Miñor, crear O Punto de Igualdade en Vivo (dado que este proxecto está deseñado dentro do IV Plan de Igualdade Municipal 2017-2020 vixente), que estará presente nos eventos de xuventude, cultura e deportes programados a partires de xa mesmo e ao longo de todo este verán.

Para a posta en activo deste proxecto, adquiriuse diverso material de apoio, a carpa deseñada especificamente para a posta en activo deste plan, inaugurarase o vindeiro 25 de maio na Clausura das Escolas Deportivas. Dentro da carpa, o público poderá atopar un stand con material divulgativo específico de promoción da igualdade de xénero, prevención da violencia e sensibilización que estará atendido por persoal especializado en materia de igualdade. Tamén un divertido fotocall corporativo que lle dará un fondo de lembranza de slogans que fican e se interiorizan nas actitudes da cidadanía.

Está previsto que nos principais eventos do programa anual se impartan obradoiros de promoción da igualdade e prevención contra a violencia de xénero. O público destinatario destes obradoiros neste proxecto inicial é sempre o colectivo de mozos e mozas. Para este proxecto espérase contar coa axuda económica da Xunta de Galicia, que ten pendente de resolución as subvencións de programas de prevención da violencia e promoción da igualdade.

Preguntada a actual Concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, sobre as posibilidades de continuidade deste proxecto, asegura que “con esta campaña pola igualdade en Gondomar, evolucionamos o traballo desenvolvido nos últimos anos polos centros educativos, asociacións, e por suposto o CIM do Concello de Gondomar cun traballo complexo e coidado de especial esforzo. Distintas institucións que amosan un interese claro pola promoción da igualdade (Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Pacto de Estado, e Fondos Europeos) participan no financiamento de accións do Concello de Gondomar do que estou particularmente orgullosa cando toca a fin os meus catro anos de lexistlatura».

A concelleira recorda que «non só hai que traballar pola igualdade nos días concretos nos que a sensibilidade contra a violencia se fai máis pública, senón que hai que valorar o traballo que estamos a facer a diario, os 365 días do ano. Entre os proxectos a curto prazo, está ampliar os destinatarios directos do foco da nosa atención no colectivo LGTBI con accións dentro deste mesmo Punto de Igualdade en Vivo”.

Anuncios