Nigrán celebra as Letras Galegas coa Coral Novos Aires e o Coro Cantares do Brión

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Nigrán conclúe mañá, Día das Letras Galegas, a programación especial do mes por esta festividade cun concerto da Coral Novos Aires de Nigrán e o Coro Tradicional Cantares do Brion como invitado no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. A actuación, co apoio da Deputación de Pontevedra, servirá de homenaxe ao escritor Bernardino Graña, quen reside no municipio e que acudirá a este concerto no que, precisamente, Cantares do Brion interpretará o seu poema «Volvín a terra pro perdín o amor». Ponse así o punto final a unha programación especial polas Letras Galegas que arrancou con «A Banda da Loba», o coro Gli Appassionati en Chandebrito, o monólogo de Carlos Blanco e unha actividade infantil sobre Fraguas.

A Coral Polifónica Novos Aires, dirixida por Xosé Alfredo Oliveira, interpretará os poemas de X. A. Blazquez «Peixiño de cristal», «O merlo poeta» e «Arco da Vella»; «Terra», de Campio Pereira; «De babor a estribor», de Modesto Fraga; «O Pandeiro ten a culpa», de Feixóo; e «A Fala», de Manuel María.

O Coro Tradicional Cantares do Brión, dirixido por Pablo Rial Salgueiro, interpretará «Non vou», de Esther Lage; «Pasodobre de Sísamo» popular; «Quen foi lume», de Marica Campo; «Volvín a terra pro perdín o amor», de Bernardino Graña; «Voan os meus pensamentos», de Ramón Cabanillas; «Has de cantar», de Rosalía de Castro; e «Poemas ao outono», de Manuel María.

Anuncios