Sin categoría

Arrancan os traballos de reparación e restauración da ex Colexiata de Baiona

As obras de reparación e restauración da Igrexa de Santa María de Baiona comezaron. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou os traballos o pasado mes de marzo á UTE Construcciones Mascareñas e Hijos, SAU – Rehabilita, SL por un importe de 454.921 euros. O prazo de execución máximo é de seis meses. Para axudar a avaliar as patoloxías existentes na antiga Colexiata, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural encargou un levantamento xeométrico 3D co obxecto de medir con precisión as deformacións existentes na estrutura do edificio.

Acháronse danos puntuais nos elementos da fábrica de pedra, como perda de morteiro nas xuntas e lixeiro desprazamento nunha peza de plementería da bóveda da antiga capela do Rosario; perda de morteiro en xuntas, falta dalgunha cantería sobre o rosetón e descenso da parte central da cornixa da fachada oeste; deformacións na cornixa da nave central e na capela maior (tamén con pezas danadas), encontros de cuberta con pintura de clorocaucho sobre a fábrica, recubrimento da cheminea en fábrica de ladrillo pegada ao muro, restos de tornachuvias e encintados sobre as xanelas resoltos con morteiro de cemento, perda de gárgola e perforacións na cornixa na antiga capela do Rosario na fachada sur; e deformacións na cornixa da fachada norte.

Nos paramentos exteriores existe vexetación e sucidade: colonizacións de musgos e liques, plantas herbáceas e costras negras, mentres que no interior hai manchas de humidade, en ocasións acompañadas de eflorescencias, e manchas puntuais de orixe biolóxica.

Na estrutura de madeira da cuberta as vigas presentan grandes deformacións, reforzos con pletinas nos tramos máis preto da fachada oeste e nalgúns casos fendas profundas. En diversos puntos da estrutura (vigas, viguetas e enlatado) obsérvanse manchas de humidade, posiblemente producidas por infiltracións a través da cuberta de tella, ataques por fungos de podremia e ataque de xilófagos nalgunhas pezas.

A cuberta de tella presenta grandes deformacións, gran cantidade de tellas rotas e movidas e zonas con musgo e plantas herbáceas, polo que existen múltiples puntos polos que a auga pode pasar ao interior do edificio. Tamén se atoparon solucións de cuberta alleas ao valor patrimonial do edificio, como un ferro ondulado de fibrocemento na Sala Epistolar, clorocaucho na capela do Rosario e do Santísimo Sepulcro e impermeabilización asfáltica na sancristía.

Nas vidreiras, algúns perfís dos bastidores e cercos están deformados e atacados pola corrosión, as reixas de protección exterior están afectadas pola corrosión e algúns vidros do rosetón están gretados.

Para resolver estas necesidades, na estrutura de cuberta substituirase a totalidade do enlatado por un composto por táboas de madeira machiembrada de carballo. No sistema de trabes e pontóns substituiranse aquelas pezas que presentan deformacións excesivas, gretas que comprometan o seu comportamento estrutural ou podremias ou ataques de xilófagos que invaliden a súa función estrutural. Toda a estrutura tratarase con dúas mans de protección en base disolvente contra fungos e insectos.

Nas cubertas da capela da Virxe de Guadalupe e Capela Maior substituirase a solución existente de tella por outra composta de tella cerámica, previo illamento térmico e acústico de rocha. Os encontros, puntos singulares e bordos de cornixa realizaranse con zinc. Na casa escola, sancristía e capelas da Virxe das Dores e Virxe do Rosario, substituiranse as cubertas existentes por unha solución de zinc con unión en xunta alzada.

Nas vidreiras restauraranse os cercos metálicos (substituíndo as partes danadas), repararanse os bastidores e substituiranse os vidros rotos e as reixas de protección exteriores.

Nos paramentos exteriores e interiores realizarase unha limpeza manual, eliminando a totalidade da vexetación herbácea, costra negra, musgo e liques que non estean profundamente adheridos, restituiranse puntualmente pezas de pedra perdidas ou danadas e o rexuntado con morteiro de cal das xuntas abertas e eliminaranse os morteiros de cemento existentes e nalgúns puntos substituiranse por morteiros de cal.

A igrexa de Santa María de Baiona é un ben incluído na listaxe da declaración de Ben de Interese Cultural da zona antiga de Baiona coa categoría de conxunto histórico. Ao mesmo tempo está incluído no ámbito de protección do Camiño Portugués (roteiro da costa), segundo a disposición transitoria sexta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

De influencia cisterciense, o templo está posiblemente asentado sobre unha igrexa anterior, máis pequena. Foi elevado a colexiata en 1482, rango que mantivo ata mediados do século XIX. Descoñécense os artífices ou talleres construtivos desta igrexa, que foi construída en diferentes períodos cronolóxicos e por tanto movementos artísticos.

A igrexa presenta planta basilical organizada en tres naves, divididas en seis tramos por arcos “faixóns” na que a central é de maior amplitude respecto a os seus lindeiros. A cabeceira é tripartita, ao engadirse capelas nas naves laterais da Epístola (s. XVI) e Evanxeo (s. XVIII) de planta cuadrangular todas elas. O retablo barroco é da autoría do artista redondelán Antonio del Villar.