
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.460, deles 1.138 son da área da Coruña, 566 da de Lugo, 1.001 da de Ourense, 460 da de Pontevedra, 1.066 da área de Vigo, 911 da de Santiago, e 318 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 158 permanecen en UCI, 835 están en unidades de hospitalización e 4.467 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 800 altas de pacientes e 278 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 34.423.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
Datos dos centros residenciais de servizos sociais
TOTAL |
DENTRO DO TOTAL, VINCULADOS CON CENTROS RESIDENCIAIS |
|
NÚMERO DE CASOS | 5.460 | 781 (Usuarios) |
334 (Profesionais) | ||
FALECEMENTOS | 278 | 57 (En residencias) |
51 (En hospitais e residencias integradas) |
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,2% do total das persoas residentes.
Respecto das 8 persoas falecidas onte en centros residenciais, 5 foron na residencia DomusVi San Lázaro (Santiago), 1 na residencia de Bande (Bande, Ourense) e 2 na residencia Nuestra Señora de la Esperanza (Ourense) e 2 na residencia DomusVi Cangas.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias, e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, que vén de ser reforzado con máis persoal, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.