Nigrán crea tres parques biosaudables en Patos e Priegue e renova o de Praia América

O Concello de Nigrán vén de investir 8.500 euros na creación de tres novos parques biosaudables, dous en Priegue (Torreiro e rúa Don Marcial), un ao carón da Praia de Patos, e substitución de elementos en Praia América. Nestes últimos catro anos o Concello investiu máis de 40.000 euros en oito espazos deste tipo, xa que a maiores instalouse un novo en Chandebrito, outro en Balinfra e Asociación Cultural A Camoesa (Camos), Prado e no parque Vázquez Grela (Nigrán). O obxectivo do goberno local é emprender agora unha renovación dos xa existentes e máis deteriorados, tal e como se fixo xa en Praia América.

“Estamos investindo na saúde dos nosos veciños proporcionándolles verdadeiros ximnasios ao aire libre onde, ademais, poder socializarse”, explica o alcalde, Juan González.

Estes parques están deseñados para a práctica de exercicio físico de adultos e son especialmente recomendables para maiores de 60 porque lles permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación de todo o corpo. Os aparellos están combinados de xeito que os usuarios poden exercitar toda a súa musculatura ou mellorar a súa capacidade cardíaca segundo os seus obxectivos: hai elementos especiais para os brazos, pernas, outros para abdomen ou zona lumbar, glúteos, cadeira, columna vertebral… Un panel explica a técnica para empregar en cada un e os seus beneficios.