Sin categoría

O Concello de Baiona organizará as Festas do Carme mentres non o volva a facer a Confraría

O Concello de Baiona, ante as informacións aparecidas en medios de comunicación sobre a celebración da festa da Virxe do Carme, aclara que o actual equipo de goberno desde a súa constitución expúxose como obxectivo que as Festas do Carme volvesen celebrarse, “xa que durante a campaña electoral para as municipais foi unha petición que nos realizaron desde a Confraría de Baiona como prioritario, xa que ninguén podía organizalas”.

“Tras confirmar que a Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona non podería organizala para o ano 2024, puxémonos en contacto con todas as persoas e asociacións que habitualmente están implicadas: camareiras, costaleiros, párroco… para comunicarlles que se ía a realizar por parte do Concello mostrándonos a súa actitude positiva para que fose posible a realización do evento”, apuntan desde o goberno local.

“As Festas da Virxe do Carme son parte fundamental da nosa historia e da cultura da nosa vila, e desde o punto de vista lúdico, realizaranse no Recinto da Palma despois de 4 anos sen facelo. Os fondos utilizados para esta Festa son os que figuran no orzamento municipal deste ano, aprobados en pleno público e a contratación dos diferentes grupos artísticos negócianse desde o Concello, sen intermediarios”, engaden.

“Desde o Concello de Baiona queremos afirmar, para coñecemento de toda a cidadanía, que non chegamos a ningún acordo con ningunha asociación para a celebración da Festa da Virxe do Carme do ano 2025 nin sucesivos, pero si temos o firme compromiso de que se celebrará anualmente nos próximos anos vindeiros”, conclúen desde o goberno local.

Pola súa banda, desde a Asociación O Carme de Baiona lembran que chegaron cunha única intención: realizar as Festas do Carme que tanto tempo estiveron paradas por diversos motivos. “Ademais, sempre dixemos que apostabamos por dinamizar o pobo con actividades para todas as idades e para transmitir a tradición e cultura mariñeiras que se estaban perdendo, sempre desde o máximo respecto”.

“O ano pasado xa celebramos un par de concertos no Peirao aos que acudiron membros do Concello actual e no que colaboraron. Dixeron que facían a festa eles porque non sabían da nosa existencia, pois era mentira. Do mesmo xeito que o é a contratación aberta de orquestras, xa que tombaron os nosos contratos asinados hai xa un ano para quitarnos calquera posibilidade de facer a devandita Festa do Carme para 2024”, lamentan desde a Asociación.

“Hoxe saben que estamos aquí e insisten en boicotear unha festa do pobo, que nunca fixo o Concello, ata o punto de gastar un diñeiro público cando a nosa asociación xa ten os fondos para poder facelas cun custo de 0€ para eles. Non nos deixan facer a festa, nin pedir espazos públicos, nin sacar os cabezudos, nin nada de nada. Non entendemos nin os ataques cara a nós nin a insistencia en que non podemos facer a festa. Por iso, pediremos unha reunión co Concello e pedimos que sexa aberta a todos os socios e socias. Así evitaremos dúbidas de quen dixo que”, engaden.

“Reiteramos as palabras do alcalde na reunión que tivemos en outubro do 2023, onde mencionou que a organización por parte do Concello era cousa deste ano, eramos máis dunha persoa en representación de O Carme Baiona. Mentimos todos e todas? Pedimos tamén unha rectificación pública, porque non hai motivo para este enfrontamento, polo menos pola nosa banda. Sempre que o Concello ou calquera Comisión de Festas ou Asociación Cultural chámenos para colaborar aí estaremos. Por e para Baiona, sen máis. Non queremos ningún tipo de debate, nin divisións, Baiona está cansada diso. Queremos traballar de forma desinteresada polo pobo, sen politiqueos nin enfrontamentos”, conclúen.