Presentación da candidatura de Manifesto Miñor-En Marea en Gondomar

O vindeiro venres, día 10, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío, Manifesto MIñor-En Marea presentará a súa candidatura ás vindeiras eleccións municipais. Unha candidatura na que repiten nos tres primeiros postos os actuais concelleiros de MM seguidos de persoas de todas as parroquias con experiencia política, e sobre, todo con implicación social en diferentes activismos: Movemento Feminista, Comunidades de Montes, Asociacións de Veciños, ANPAS, Defensa da Sanidade Pública, ecoloxismo, defensa dos dereitos dos animais, cultura, defensa das pensións, etc… Cómpre destacar a presenza de mozos e mozas menores de 20 anos, coas súas reivindicacións específicas: falta de alternativas laborais que os obriga a seguir emigrando, a carencia de transporte público para moverse ou para acceder á UVIGO, un ocio que conte coa súa opinión, etc.

“Nas eleccións do 26 de maio, como se ve ás claras nesta longa campaña electoral, están enriba da mesa dous modelos de facer e de entender a política municipal. O modelo de actual alcalde que exerce como delegado e/ou administrador da Deputación Provincial, incapaz de establecer consensos e con nula xestión municipal; baseado na propaganda e en actuacións cosméticas deixando fóra dos servizos básicos, como son o saneamento, o transporte, o PXOM, etc… Ou o modelo que propón Manifesto Miñor e Antonio Araújo dun concello aberto á participación e ao diálogo para que sexan os cidadáns que propoñan as liñas estratéxicas e os proxectos de futuro. Isto quedou claro na explicación e tramitación do PXOM, ou coa rede de saneamento que se levou ás parroquias co Plan E, aprobación inicial do Regulamento de Participación veciñal, ou paseo fluvial cuxo proxecto está feito, etc, etc”, sinala Antonio Araújo, coordinador de campaña de Manifesto Miñor.

Anuncios