O PP de Pontevedra reúne aos seus candidatos para afrontar con forza a campaña das municipais

O PP de Pontevedra reuniu hoxe aos seus candidatos ás Alcaldías da provincia coa vista posta no inicio da campaña das eleccións municipais, que afrontará con forza desde este venres. Antes do encontro, o presidente provincial, Alfonso Rueda, indicou que os populares están con ilusión e con moitas gañas e que, “como facemos sempre, o vindeiro día 26 vamos saír a gañar”.

“As sensacións que percibimos en todos os lugares onde estamos presentando aos nosos candidatos son moi positivas, con moito apoio dos veciños, enchendo sempre. Nótanse o compromiso e as gañas de traballar dos nosos”, dixo.

Nesta liña, apelou a unir o voto en torno ao PP, que definiu como “a única alternativa viable aos gobernos de esquerdas” e puxo en valor a experiencia e o saber facer dos populares nos gobernos municipais ao longo de moitos anos. “Hai quen na súa carta de presentación presume de que nunca fixo nada en política. O PP pon a súa experiencia de xestión e o seu balance de servizo en Galicia”.

Por último, Alfonso Rueda chamou aos seus a traballar en equipo e con unidade, “como sabemos facer no PP”, polo que amosou a súa confianza en obter un gran resultado en todos os concellos da provincia. “Todas as nosas listas teñen carácter gañador”, subliñou.

Anuncios