O nigranés Iván Rodríguez deseña o cartel do XXIV Salón do Libro de Pontevedra

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, presentou este xoves o cartel do XXIV Salón do Libro “Libros para xogar” acompañada polo seu autor Iván Rodríguez. Rodríguez foi seleccionado entre 60 ilustradores/as galegos/as ou afincados en Galicia que achegaron os seus portfolios.

Fouces salientou “o importante peso que lle damos ao cartel na medida na que cremos que a ilustración é unha das patas sobre as que se edifica o Salón, a literatura infantil e tamén unha parte da literatura para adultos. Nos últimos anos empregamos varias fórmulas para seleccionar pero esta última, en contacto cos profesionais da ilustración é a que máis beneficia ao sector. Consiste na recepción de portfolios entre os que un xurado profesional, escolle quen será o deseñador/a. Estamos encantadas da alta participación, xa que desta volta recibimos 60 propostas. É unha encarga moi atractiva, xa que o cartel ten moita visibilidade e logo é algo ao destacar no seu CV. Estamos encantadas de que o xurado especializado escollera a un ilustrador como Iván R., cunha ampla traxectoria como ilustrador no mundo da literatura, a publicidade e incluso a moda, que xa traballou en algunha edición do Salón impartindo obradoiros, e soubo captar moi ben o que queríamos mostrar”.

Pola súa parte Iván quixo agradecer ao xurado e a organización que contaran con el para dar imaxe ao Salón, no que xa participara doutro xeito: “O tema do xogo, nunca mellor dito, daba moito xogo como temática á hora de crear o cartel. Tiven en conta varias cousas como representar graficamente un xogo, sintetizando das formas e cores e pensei que as pezas de madeira de cores, de construción de cando eramos máis novos representaban moi ben esa idea. Logo traballei para unificalo coa lectura que, mediante a interacción coas pezas, representa os pequenos universos que se crean cando lemos un libro. Empreguei cores primarias por considerar que son máis efectista á hora de ver o cartel de lonxe tamén. Foi unha experiencia xenial facer este traballo, estou moi contento co resultado e penso que a xente da organización penso que tamén”.

Iván Rodríguez (Nigrán) Cunha ampla traxectoria como ilustrador en editoriais, prensa, televisión e publicidade e tamén como deseñador na fundación de Sybilla, actualmente traballa no sector editorial como director de arte e no seu estudio en Vigo para diferentes editoriais e marcas de todo o estado.