UCN lamenta que os veciños de Vilariño “fosen castigados durante catro anos sen saneamento”

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, lamenta que o alcalde Juan González castigase durante catro anos aos veciños de Vilariño, privándolles de poder conectarse á rede de saneamento existente, dado que ao parecer existían filtracións tanto nos pozos de rexistro como na estación de bombeo. “Durante estes catro anos ignorou aos veciños que lle estaban reclamando insistentemente e non se preocupou en poñer en funcionamento unha rede de sumidoiros que fora realizada a finais da pasada lexislatura, privando aos veciños poder conectar as súas vivendas e gozar dun servizo básico e fundamental”.

A UCN resúltalle sorprendente, que xusto agora cando chegan as eleccións “ao alcalde de súpeto lle remorda a conciencia e levántelles o castigo ao que lles someteu de forma caprichosa durante todo este tempo, quizais pensando que así poderá rabuñar uns cuantos votos, o que podería ser cualificada a súa actitude como miserable, e co agravante de que as pequenas obras realizadas supuxeron uns 6.000€, o que vén confirmar o pequeno custo que supuxeron os traballos de impermeabilización dos pozos para evitar filtracións e non poñer en funcionamento unha rede de sumidoiros existente. Que explicación pode dar o alcalde a semellante trato humillante?”.

UCN lembra, que se todas as obras de saneamento son importantes non só por tratarse dun servizo básico, senón tamén por cuestións hixiénico-sanitarias e evitar posibles contaminacións das augas subterráneas -co risco que supón para a saúde-, pero é que ademais, trátase dunha contorna moi sensible, a escasos metros do río Miñor, con posibles filtracións e de contaminación das súas augas, “o que resulta aínda moito máis grave a actitude irresponsable e vergoñosa do goberno local que durante catro anos obrigou a varias familias a seguir vertendo as súas augas residuais en pozos negros, contribuíndo así a fomentar a contaminación, sen necesidade algunha, a non ser que puidesen existir outras razóns políticas, o que resultaría aínda moito máis grave, en calquera caso, o feito é lamentable, e para máis inri o alcalde non podía deixar pasar a oportunidade de inmortalizar co seu retrato o momento para lucirse”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios