O Vigo-Rías Baixas pechou no GP Macario a mellor Copa de España da súa historia

Se en 2018 o Vigo-Rías Baixas rompeu o seu teito na Copa de España terminando entre os dez mellores equipos, un ano máis tarde a entidade presidida por José Luis Chamorro deu outro paso adiante. Este domingo no Gran Premio Macario, novena e última cita puntuable, a formación flúor certificou a quinta posición na xeral por escuadras e por primeira vez na súa historia contou cun representante no Top-10 individual. Carlos Cobos, oitavo na localidade madrileña de Alcalá de Henares, ascendeu ata o noveno posto no ranking final.

O ciclista estremeño de Azuaga meteuse na ‘volata’ coa que se resolveron os 155 quilómetros de percorrido, un sprint masivo que non puido impedir a principal escapada do día. No grupo de corredores que rodou fuxido máis dun centenar de quilómetros estivo Julián Barrientos.

O arxentino e os seus once compañeiros de aventura abandonaron a disciplina do pelotón no km 25, cando a carreira xa transitara polo alto de Torres, a primeira das cinco ascensións puntuables da xornada. Os outros catro portos tamén os pasaron á fronte da proba. Chegaron a gozar dunha vantaxe superior aos tres minutos.

A escapada foise seleccionando e aos últimos 25 km chegaría composta por sete corredores. A eles uniríanse outras sete unidades entre as que se filtrou Samuel Blanco. Este grupo de catorce, con dobre representación do Vigo-Rías Baixas, manexou unha máxima diferenza de 45 segundos, pero o pelotón absorbeuno a pouco máis de 5 km para a meta.

En Alcalá de Henares un centenar de ciclistas xogouse o triunfo ao sprint e Leángel Linárez (Kuota) impuxo a súa punta de velocidade. Cobos ocupou a oitava posición, o que lle permitiu subir un posto na xeral dominada por Roger Adriá (Lizarte) e alcanzar a novena praza.

Co mesmo tempo que o gañador tamén cruzaron a liña de meta Barrientos (27º), David Domínguez (33º), Samuel Blanco (56º), Santi Martínez (62º) e Jaime Guzmán (72º). A 7:34 do pelotón concluíu Alejandro de Rozas (114º).

Por equipos o Vigo-Rías Baixas obtivo o noveno posto no GP Macario e os puntos sumados no peche da Copa de España outorgáronlle a quinta posición no ranking definitivo.