Baiona creará unha área de accesibilidade na praia Ladeira

O Concello de Baiona, a través dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, creará unha área de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida (PMR) nunha das praias do municipio, concretamente na praia Ladeira. Desta forma promóvese un turismo accesible e permite ás persoas con mobilidade reducida gozar do sol e do mar en igualdade de condicións, seguindo os parámetros da Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos das persoas con discapacidade do 13 de decembro de 2006, que establece o compromiso de promover, protexer e asegurar o pleno goce dos dereitos humanos e liberdades fundamentais en condicións de igualdade por parte das persoas con discapacidade e de promover o respecto á súa dignidade inherente.

Á instalación accederase por unha pasarela e contará cun armazón de madeira duns 80 metros cadrados, unha zona de sombra dotada dunha pérgola e antucas, así como varias tumbonas accesibles para os usuarios e asentos para os seus acompañantes. O importe total da actuación será de 46.500 €, dos cales 30.000 € serán financiados coa subvención da Xunta de Galicia. Os elementos da instalación estarán dirixidos a obter varios obxectivos, como son a accesibilidade, o confort, e a comunicación na contorna.

“É importante que o trato a estas persoas estea sempre en igualdade de condicións e por iso cremos que é imprescindible que este tipo de actuacións leven a cabo. Cabe destacar que somos un dos primeiros municipios de Galicia que contará con estas instalacións. Isto pon en evidencia que o concelleiro de Accesibilidade, Policarpo Vilar, segue traballando para que Baiona estea á vangarda en accesibilidade en todo tipo de terreos ou situacións”, sinalan desde o goberno municipal.

Anuncios