Máis dun centenar de persoas reclaman en Gondomar a rescisión do contrato da piscina

Máis dun centenar de persoas participaron este venres na concentración convocada polos usuarios da Piscina Mancomunidada da Ramallosa na Praza do Concello de Gondomar. Durante a manifestación recolléronse ademais reclamacións de todos aqueles que non poden entregalas en man –ata o momento foron recollidas máis de 30-, e aproveitaron para moverse a ritmo de zumba nunha sesión reivindicativa.

Para finalizar o acto, leuse o manifesto, no que reclamaron a rescisión da concesión por incumprimento grave do prego de condicións. “A Mancomunidade e Serviocio asinaron a concesión o 25 de maio e contaban con 3 meses desde esa data para acometer e realizar as obras acordadas. Estamos ao 14 de setembro, polo que os arranxos que se están facendo son para calarnos a boca”.

Así mesmo piden unha nova adxudicación e a readmisión laboral dos monitores en condicións dignas. “O restablecemento de actividades que se nos quitaron como: zumba, streching, gap e andainas”. Tamén esixen a posta a punto das instalacións e que se cumpra o plan hixiénico-sanitario e a devolución íntegra da cota do mes de setembro cobrada de maneira irregular. “Non podemos permitir que se desmantelen unhas instalacións públicas en favor dunhas privadas”, concluíron.

As próximas semanas volverán concentrarse nos outros dous concellos da comarca, Baiona e Nigrán.