Ángel Stanich, Hickeys, Meneo, Monterrosa e Adriana Proenza incorpóranse ao cartel de Vive Nigrán

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, contará nesta edición con Ángel Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas; co glitter punk de Hickeys; co desmelene frenético e pop adulterado de Meneo; co dúo Monterrosa, disposto converter a pista de baile en paraíso e trincheira; e co R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza.

Estas cinco bandas encherán en Nigrán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas de música ao sumarse ás xa revolucionarias Las Chillers, ao caos creativo e punk de Los Nastys, á música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, aos galegos Novedades Carminha, ao pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, e ao Concerto Mahou Cinco Estrellas no que Delafé amosará o seu novo son máis electrónico, xa anunciados previamente pola organización. As persoas interesadas en adquirir os seus abonos para os dous días de Vive Nigrán xa poden facelo a través da propia web do festival, www.vivenigran.com, a un prezo de 25 euros.

Ángel Stanich | Este artista de voz estraña, barba e cabeleira hirsuta, converteuse nunha das referencias de renovación musical máis vigorosas e aclamadas por músicos, medios e público. Unha frenética actividade de incontables concertos e festivais que sen concesións promocionais nin entrevistas, sorprende a todos cunha insólita personalidade salpicada de imaxes cinéfilas, enxeño surrealista e ironía. Unha travesía con sutís himnos xeracionais como Carbura! (Cuatro Tronos Cayeron, 2015), christmas envelenados (Jesús Levitante) e, xa ao fío do verán do 2017, Siboney, un exuberante EP que clausura ciclo e abre a porta a novas e insospeitadas aventuras, ao cegador universo do seu novo álbum, Antigua y Barbuda.

Hickeys | Hickeys é un grupo formado por Marta Sánchez Vello, Ana Erice, Maite Barrena e Martina Gil Compairé que naceu en febreiro de 2017 coa única intención de crear unha banda para soar a todos os grupos que algunha vez lles gustaron -e á vez a ningún-. Así, o seu son vai desde o lo-fi ata o post-punk dos 90. A pesar de que cada unha ten gustos e influencias diferentes, entre as catro conseguiron crear un son propio que denominaron Glitter-Punk.

Meneo | Meneo é desmelene frenético e pop adulterado a mans do músico e produtor guatemalteco Rigo Pex. Prístino e visionario desta nova onda latina que alberga a varios xéneros salpicados por un cachondo electro, MENEO incita ao movemento malicioso con líricas bizarras e ritmos descarados, atentando contra o téxtil e incitando ao naturismo en plena pista de baile. MENEO é o paradigma da fusión, do todo é posible, da mutante mezcolanza. E as súas sesións? Unha concesión de desexos: pensa mal e acertarás.

Monterrosa | Monterrosa nace no verán de 2018, como resultado das inquietudes compartidas de Rocío Saiz (vocalista de Las Chillers), e Enrique F. Aparicio (o activista tamén coñecido como Esnórquel DJ), aos que une o interese polo pop de sintetizadores, as caixas de ritmos, letras prosaicas e unha necesidade de usar a canción pop como vehículo de expresión artística e política. A intención de Monterrosa é falar da súa xeración –promesas incumpridas, valores cambiantes–, do poder da diferenza e da identidade e o poder do lúdico. Hai noites que marcan vidas e cancións que proxectan futuros posibles; Monterrosa quere converter a pista de baile en paraíso e trincheira, en espello, pantalla e lanzadeira. E todo sen deixar de bailar.

Adriana Proenza | A novísima intérprete Adriana Proenza posúe un instinto sen igual para a música: con tan só 18 anos xa se move con axilidade e de forma dinámica entre o R&B contemporáneo e calquera variante da música Pop que alcanzase o seu incansable apetito musical. As súas influencias crean unha cartografía ampla e sorprendente: a súa voz e as súas cancións son produto da fixación en artistas que van desde Ela Fitzgerald a Tame Impala ou MacDemarco, este último un dos seus referentes actuais xunto a Joji.

Actividades para todos os públicos

O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, sesións DJ, obradoiros, charlas… Un sinfín de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.

Anuncios