O Grupo Socialista insta á Xunta a mellorar o servizo dos comedores escolares de Nigrán

A deputada socialista Leticia Gallego reclamoulle este martes á Xunta de Galicia que tome medidas para corrixir a “grave situación” que atravesan os comedores escolares do municipio de Nigrán, o que está a orixinar numerosas queixas pola “pésima calidade da comida” e a falta de auditorías á empresa encargada do cátering. Para mellorar o servizo, e de acordo coas demandas da comunidade educativa, propuxo utilizar a cociña do CEIP Humberto Juanes, construída cun investimento de 373.878 euros polo Concello de Nigrán.

A parlamentaria do PSdeG preguntou por esta cuestión na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia, onde alertou de que esta situación “afecta aos nenos e nenas e impacta directamente sobre a súa saúde”. Por iso, demandou que o goberno galego “deixe de primar o criterio económico sobre o da calidade alimentaria, co fin de que se poidan presentar uns menús escolares correctos e saudables”.

Polo miúdo, Leticia Gallego explicou que esta circunstancia afecta aos CEIPs da Cruz, Mallón, Carlos Casares, Humberto Juanes e Terra de Turonio. As comunidades escolares desta comarca “sospeitan que a suba de prezos está a repercutir neste curso nunha peor calidade dos alimentos e na escaseza dos mesmos”.

Así, segundo as propias ANPAS recollen nun escrito remitido á Xunta, o servizo “non é de calidade e moitas veces non cumpre cos pregos de condicións que asinou a Xunta para a súa adxudicación”. Entre as eivas sinalan “sopa para celíacos conxelada; insuficientes iogures, froita ou bolos de pan; ten chegado sucia a vaixela; pouca froita e nada variada; bolos de pan indebidamente envasados”. Ademais, en ocasións a comida é insuficiente e hai que repartir entre os comensais a costa de diminuír racións.

Tendo en conta que o Concello de Nigrán investiu 373.878 euros na construción dunha cociña escolar municipal no CEIP Humberto Juanes, a proposta das ANPAS e do propio Concello de Nigrán é o uso desa cociña para “humanizar un servizo que a día de hoxe está deshumanizado e que pode incluír pratos que ata agora non se podían polo transporte e o horario no que se ten que cociñar para que chegue a tempo ao centro”. Isto propiciaría unha mellora do servizo cun cambio substancial en todos os aspectos: calidade, cantidade e adecuación nutricional.

Como mostra disto, Gallego puxo como exemplo o CEE de Panxón, onde se cociña tamén para o CPI Arquitecto Palacios e para a E.I. “As Dunas”. Neste caso, o menú que se elabora directamente no centro escolar “é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de cátering”.

Por iso, o Grupo Socialista considera que prescindir do sistema de cátering actual “permitiría ter unha alimentación máis saudable porque se contrarrestaría o uso de alimentos ultraprocesados e privilexiaría o uso de produtos frescos e materias primas do comercio local, ademais podería elaborarse menús máis variados e con mellor calidade”.