
O Vigo-Rías Baixas volveu xogar a gañar na Copa de España. A súa ambiciosa aposta non obtivo o premio da vitoria na Santikutz Klasika, pero serviu á entidade presidida por José Luis Chamorro para acumular postos de honra na prestixiosa liña de meta de Legazpi e na clasificación xeral do certame estatal.
Samuel Blanco e Carlos Cobos, sexto e oitavo respectivamente, estiveron metidos na pelexa polo triunfo ata os últimos metros. O resultado asinado polo redondelán permítelle ascender á undécima posición da Copa de España, xusto por detrás do corredor de Azuaga que asaltou a décima posición a falta dunha xornada para a conclusión. Por equipos o Vigo-Rías Baixas logrou o terceiro posto en terras guipuscoanas e no ránking queda empatado a puntos co cuarto clasificado, o Supermercados Froiz.
Despois dun accidentado inicio, que deixou pegada nun xeonllo de Blanco, a 86ª Santikutz Klasika empezouse a definir no último terzo dos seus 147 quilómetros. Gorka Beloki contaba con catro pupilos no grupo principal tras seis ascensións puntuables e activou a súa ofensiva estratexia no segundo paso polo alto de Eizaga (3ª categoría). Blanco demarrou neste antepenúltimo e sétimo porto da xornada, coroando en segunda posición.
Escapada de Barrientos
O ciclista de Redondela non conseguiu abrir oco e o segundo ataque do Vigo-Rías Baixas chegou despois de superar o muro de Kirtemberg, de 1.800 metros de lonxitude e con ramplas que se achegan ao 18%. Julián Barrientos fuxiuse en solitario e rodou na cabeza de carreira preto de 30 quilómetros. O arxentino gozou dunha máxima vantaxe de 35 segundos respecto ao pelotón.
A aventura de Barrientos concluíu na aproximación a Deskarga, o porto de 2ª categoría desde cuxa cima restaban sete quilómetros para a meta. Aínda que nas súas ramplas Blanco e Cobos movéronse nos primeiros postos, non puideron responder o cambio de ritmo de tres corredores. O redondelán estivo a piques de conectar co terceto na entrada a Legazpi, pero finalmente os tres primeiros avantaxaron en 6 segundos aos dous xefes de filas do Vigo-Rías Baixas. Coa vitoria alzouse Oier Lazkano (Caja Rural).
O encargado de selar o terceiro posto por equipos do Vigo-Rías Baixas foi David Domínguez, corredor sub23 de primeiro ano, que concluíu 29º a 1:10 do gañador. Barrientos, 66º, tamén completou esta clásica.
A Copa de España 2019 pecharase este domingo en Alcalá de Henares (Madrid) coa disputa do Gran Premio Macario.