As dúas primeiras sentenzas dan a razón aos traballadores do Plan Concellos de Baiona

UXT informaba no mes de febreiro que acababa de presentar 13 demandas de traballadores contratados polo Concello de Baiona a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no xulgado do social, sobre os soldos percibidos por eles durante o ano 2017.

As demandas baséanse en que os traballadores non percibían o soldo íntegro mensual que lle correspondía como a calquera traballador do Concello a través da equiparación salarial, e que así o considera a xuízo deste sindicato que debería de ser, deixando de pagar aos traballadores diferenzas ao redor de 300 euros menos ao mes. Cifras que ascenden por toda a duración do contrato ao redor de 3.000 euros por traballador.

Así mesmo, desde esta organización sindical estábase en proceso de rematar ao redor de 20 demandas máis de traballadores contratados polo Concello co Plan Concellos no ano 2018 para poder darlles curso e que poderán ter un custo estimado de 60.000 euros para as arcas municipais se dá a razón o xulgado do social.

As dúas primeiras sentenzas foron favorables a dous traballadores do Plan Concellos 2017, nas que se estima que deberían cobrar como calquera traballador municipal. Estas cantidades ascenden a un total de 2.700 e 3.200 euros. Ademais, a primeira delas é firme e non ten posibilidade de recurso ao ser inferior aos 3.000 euros.

Estas demandas son froito da negativa do Alcalde a abonar estas diferenzas salariais vía amigable, e así o fixo saber en senllas reunións informais con representantes de UXT e ao facer caso omiso ás alegacións presentadas por esta organización sindical ás bases de selección.

Inspección de traballo xa requiriu a finais do ano 2018 ao Concello de Baiona a que abonase as diferenzas salariais existentes entre os traballadores contratados polo concello a través do Plan Concellos e os fixos en persoal pero o Alcalde de momento fai caso omiso a este requirimento segundo o coñecemento que ten este sindicato.

O abono destas cantidades aos traballadores supoñen un montante total estimado de máis de 90.000 euros entre salarios e cotizacións á seguridade social.

Irregularidades no Plan Concellos 2019

Segundo o Partido Socialista, os salarios para o Plan Concellos 2019 tamén se están abonando incorrectamente, ao non pagar segundo convenio do Concello e estar contratados a través de convenios marcos, xa sexa da construción, limpeza, oficinas e despachos, etc., “co que é un engano máis grave aínda despois de saber das primeiras demandas sobre o caso”.

“Con isto demóstrase que o Sr. Alcalde e a ex concelleira de Persoal, actualmente cabeza de lista do partido político VOX, mentiron e enganaron a todas as veciñas/os de Baiona, sendo capaces de facer calquera cousa, ao publicar e pagar soldos inferiores aos que debían pagar”.

Por último, os socialistas deixan de manifesto que a xestión municipal cos empregados de Baiona na última lexislatura deixará un custo estimado en sentenzas xudiciais de máis de 180.000 euros.

Anuncios