O PP de Nigrán rexeita a decisión de non solicitar as Bandeiras Azuis

Na tarde de onte, explotaba a noticia de que o goberno socialista de Nigrán decidira de forma unilateral non realizar os trámites oportunos para a obtención das Bandeiras Azuis nas praias de Panxón, Praia América e Patos, un recoñecemento que non só vela e promove a calidade ambiental dos areais senón que actúa tamén como distintivo turístico en toda a costa española segundo os populares.

Ante esta realidade, os integrantes do Partido Popular de Nigrán queren poñer en marcha unha iniciativa conxunta que deixe claro o absoluto rexeitamento á decisión adoptada polo goberno socialista, na que participen veciños, colectivos, hostaleiros, comerciantes e grupos políticos da oposición.

“Realizamos esta convocatoria como veciños, como un acto de protesta ante unha decisión incomprensible, pero tamén como un acto de responsabilidade, xa que a non tramitación deste distintivo é un claro prexuízo para a actividade turística e hostaleira do municipio, e da comarca”, sinala Carlos Abal.

Carlos Abal prefire non entrar a analizar os motivos esgrimidos polo alcalde Juan A. González para explicar este feito insólito en Nigrán, “que ao meu entender pretende ocultar unha vez máis a incapacidade de xestión dun goberno desinflado, desganado, que lamentablemente está a adoptar decisións que supoñen un claro e grave prexuízo para o municipio e os seus veciños”, sinala.