Sin categoría

O Monte Real inaugura a tempada de regatas de 2020

O Monte Real Club de Yates de Baiona inaugura esta semana a tempada de regatas de 2020 coa celebración da primeira xornada da Liga de Inverno da clase J80, que dará o pistoletazo de saída a un dos calendarios máis prolíficos do panorama náutico español.

O club baionés volve ser, unha vez máis, un dos que máis regatas organizan en España e este ano farao, ademais, con novidades. A recente incorporación de Roy Alonso á fronte da dirección deportiva do Monte Real supoñerá cambios e novidades nalgunhas das súas competicións co obxectivo de melloralas e adaptalas ás necesidades e aspiracións de patróns e regatistas.

A primeira cita no calendario será esta mesma fin de semana coa inauguración da Liga de Inverno da clase J80. O club mantén a súa firme aposta por estes monotipos e volverá organizar para eles dúas liguiñas específicas, nas que competirán en exclusiva durante varias xornadas. A primeira desenvolverase entre os meses de xaneiro a abril e a Liga de Outono está programada para os meses de outubro e novembro.

Os cruceiros volverán contar cos catro grandes clásicos do Monte Real: o Trofeo Comunica (25 de abril), co que as tripulacións empezan a coller ritmo; o Trofeo Repsol (1, 2 e 3 de maio), que este ano regresará a Sanxenxo nunha das súas etapas; o Trofeo Conde de Gondomar (23, 24, 25 e 26 de xullo), unha das grandes citas estivais nas Rías Baixas, que será Campionato de España de Altura; e o histórico Trofeo Príncipe de Asturias (4, 5 e 6 de setembro, no que se volverán a entregar os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda (5 de setembro).

O Monte Real Club de Yates organizará tamén este ano, por delegación da Real Federación Galega de Vela, dous campionatos autonómicos: o Campionato Galego de Solitarios e A Dous (6 de xuño), que volverá ser Memorial Rafael Olmedo, en honra ao ex presidente do club; e o Campionato Galego de Optimist – Trofeo Baitra (22, 23 e 24 de febreiro), que reunirá en Baiona a novas promesas da vela en Galicia.

A vila mariñeira será escala do rally ARC Portugal do World Cruising Club; punto de encontro para os navegantes do Irish Cruising Club e parada nas travesías da frota do Royal Cruising Club, a asociación de cruceiristas máis importante do Reino Unido.

No calendario deportivo do Monte Real a vela adaptada seguirá tendo un apartado especial. O club reafirma ano tras ano o seu compromiso social coas persoas con discapacidade e neste 2020 ampliará as actividades da súa escola de vela destinadas a que estes usuarios poidan navegar en igualdade de condicións. Organizará, ademais, a sexta edición do Vertiatlón Solidario de Baiona (12 de setembro), o tríatlon co que o club recada fondos para o impulso da vela adaptada en Galicia.

Cursos de vela lixeira e cruceiro no marco da Escola de Vela MRCYB, actividades de coaching e team building para grupos e empresas, e charlas e clinics para regatistas son outras das propostas que ofrece o calendario deportivo do Monte Real Club de Yates.

2020-01-20 - CALENDARIO REGATAS MRCYB 2020