Sin categoría

As estradas do Val Miñor volven aparecer fumigadas pola Xunta de Galicia

Lemos este mes que as accións da multinacional química e farmacéutica Bayer, que recentemente adquiriu a Monsanto, caen e picado logo do fallo dun xurado en EEUU que ditaminou que o glifosato presente nos seus herbicidas fóra determinante no cancro que padece a persoa denunciante no xuízo. A xustiza administrativa francesa prohibiu en xaneiro deste ano a venda e uso do herbicida de Bayer Monsanto por conter glifosato “considerado como unha substancia cuxo potencial canceríxeno para o ser humano é unha probabilidade”. Cumpre así co chamado “principio de precaución”.

Con todo, en Galicia e no estado, séguese a usar o glifosato, ou no seu lugar outras substancias que o substitúen dado o mal nome que xa ten a nivel europeo este químico, pero que son igual de tóxicas, como o recente glufosinato de amonio que xa se comercializa. Por que non se aplica o principio de cautela? O Real Decreto 1311/2012 establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, e ten como obxectivo a redución dos riscos e os efectos do uso dos produtos fitosanitarios na saúde humana e o medio e o fomento da xestión integrada de pragas e de formulacións ou técnicas alternativas, tales como os métodos non químicos. Contempla que as súas disposicións “entenderanse sen prexuízo de que a Administración competente en cada caso poida aplicar o principio de cautela limitando ou prohibindo o uso de produtos fitosanitarios en zonas ou circunstancias específicas».

As estradas do Val Miñor, e do resto da comunidade galega, volven aparecer fumigadas por parte da Xunta de Galicia, que pese ás protestas non respecta a decisión veciñal dos concellos declarados libres de herbicidas que cada ano son máis na nosa comunidade. “A razón que xustifica a Xunta para o emprego destas substancias ano tras ano é estritamente económica, aforrar na contratación de brigadas para rozar mecanicamente, iso que xa hai a posibilidade de empregar maquinaria que o fai. Así subcontrátanse empresas que fan o traballo cun camión e un só traballador. Pero as veces, como podemos comprobar nalgunha das nosas estradas, dáse a circunstancia de que primeiro rózase a herba e despois fumígase. Isto xa non se entende, duplícase o traballo. Trátase de desfacerse dun produto tóxico?”, lamentan desde Co-mando Ghichas.

A estrada dende Vigo a Baiona pola antiga Vía do Tranvía, a estrada de Vincios, a que vai a Tomiño, a que vai a Vigo por Nigrán, a estrada da Ramallosa a Gondomar, a de Couso… quilómetros fumigados con químicos tóxicos, que se acumulan ano tras ano no medio, non desaparecen.

A Directiva Marco para un uso sostible dos praguicidas (aprobada polo Parlamento Europeo o 13 de Xaneiro de 2009), no Capítulo IV, artigos 11 e 12, expón que: «Os Estados membros, tendo debidamente en conta as medidas apropiadas para a protección do medio acuático, a auga potable e os requisitos necesarios de hixiene e saúde pública e a biodiversidade, ou os resultados das avaliacións de risco pertinentes, velarán porque se minimice ou prohiba o uso de praguicidas nas seguintes zonas específicas: ao longo das estradas […], nos espazos utilizados polo público en xeral, ou por grupos vulnerables, como os parques, xardíns públicos, campos de deportes e áreas de recreo, recintos escolares e campos de xogo e os espazos próximos aos centros de asistencia sanitaria».

“A pesar do dito podemos ver que esta normativa incúmprese, fumígase sobre as paradas de autobús, as beirarrúas por onde camiñamos, nas portas das casas, sobre as canles de auga, incluso a escasos metros do río. Que lle estamos deixando ás xeracións que veñen detrás? Temos o dereito e o deber de esixir as administracións a súa responsabilidade no coidado do medio e da saúde”, conclúen desde Co-mando Ghichas.