UCN acusa o goberno local de utilizar a Gala do Deporte de maneira partidista

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia publicamente “a utilización partidista levada a cabo por parte do alcalde Juan González e o seu goberno, como consecuencia da I Gala do Deporte realizada a pasada fin de semana no Auditorio Municipal, acto ao que nin sequera foron formalmente convidados os concelleiros da oposición, polo que se converteu exclusivamente nun acto mezquino e de propaganda política do PSOE en plena campaña electoral, tanto das eleccións xerais como as próximas municipais”.

UCN quere poñer en valor o mérito dos deportistas homenaxeados, “polo que as críticas que o noso grupo formula non van dirixidas cara a eles, senón todo o contrario, poñemos en valor e recoñecemos os méritos que lles atesouran, senón contra o alcalde Juan González e o seu partido o PSOE, por instrumentalizar con fins partidistas e electoralistas, un acto que debería ser tratado con exquisito coidado e independencia -máxime en plena campaña electoral-, unha homenaxe aos moitos deportistas e colectivos premiados polo seu sabor en prol do deporte en Nigrán, e lamentablemente foron sorprendidos na súa boa fe e utilizados sen escrúpulos por de o alcalde socialista Juan González”.

UCN non descarta poñer os feitos en coñecemento da Xunta Electoral, por se puidesen ser constitutivos de infracción ou sanción ao alcalde, “pola utilización perversa de fondos públicos con fins partidistas e electoralistas, que cando menos puidesen ser considerados como propaganda política”.

Fernández Comesaña, lamenta que nin tan sequera foi informada a corporación do nome dos premiados, nin por suposto os méritos que lle atesouran, nin os criterios utilizados para o seu nomeamento, e nin moito menos aprobados nin en xunta de portavoces, nin comisión informativa nin por suposto polo Pleno da Corporación, “levándose con nocturnidade e aleivosía e facendo gala do máis absoluto escurantismo intolerable en termos democráticos, e que resulta aínda moito máis grave se cabe, levado a cabo por un goberno en minoría, que nin sequera será capaz de pagar a factura á empresa que fixo a presentación do acto, pero deixando como sempre o pufo para a próxima Corporación”, conclúe o portavoz independente.

Anuncios