Nigrán celebra o Día do Libro na Ramallosa

O Concello de Nigrán uniuse ao sector libreiro de toda España para festexar este xoves 23 de xullo o Día do Libro, tres meses despois do que lle correspondería despois de que este ano coincidise co confinamento. Así, desde as 12:00 horas da mañá na Alameda de San Campio (A Ramallosa) realizáronse diferentes presentacións de obras de escritores galegos e sinatura das mesmas a cargo dos autores. Neste evento participaron con postos de venda editoriais galegas como Xerais, Galaxia e Edicións do Cumio.

Así, Elba Pedrosa presentou “O que non sabías”; Francisco Castro, “Tantos anos de silencio”; Manuela Riobó , “El mensajero”; Héitor Picallo, “As letras galegas en caricatura (1963-2020)”, Fran Fernández, “Mover os marcos”; e Iago Castro presentou a obra de Isaac Xubín “Xenealoxía dun intruso”. As introducións dos autores correron a cargo do alcalde, Juan González; Henrique Costas, Catedrático da Universidade de Vigo no departamento de Filoloxía galega e latina; Iago Castro, profesor de lingua e literatura galega en secundaria; e a concelleira de Cultura, Nuria Lorenzo.