Anuncios
Ticker de novas

O 16,2% das consultas médicas de atención primaria fanse xa por teléfono

As consultas telefónicas dos pacientes co seu médico de familia seguen a medrar e supoñen xa un 16,20% do total de consultas rexistradas nos centros de saúde da área sanitaria de Vigo o pasado ano. Así, dos 2.977.983 de consultas realizadas, atenderon telefonicamente 482.525.

O aumento global foi de 40.266 consultas médicas nos centros de saúde con respecto a 2017 e o incremento de citas por teléfono acadou as 33.606. Comparando estes datos dedúcese que o 83,5% dese crecemento de actividade correspondeu á vía telefónica.

Esta alternativa, que evita ao paciente acudir ao centro de Atención Primaria en persoa, convértese, conforme pasa o tempo, nunha das fórmulas preferidas pola cidadanía, tal e como se constata no estudo da actividade do último ano.

Unha de cada dez

En total, nos centros de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo rexistráronse o pasado ano 605.551 actos por vía telefónica de todas as categorías profesionais (pediatría, enfermaría, matronas, farmacia, odontoloxía, hixienistas e traballo social), o que representa o 10,61% do total; é dicir, unha de cada 10 atencións fixéronse xa por teléfono.

Tal e como se dixo con anterioridade, esta porcentaxe é moito máis elevada nos médicos de familia, acadando o 16,20% do total.

En canto a porcentaxe de citas telefónicas atendidas polos pediatras, situouse nun 9,83% (43.451) das 441.913 consultas. A enfermaría realizou 70.203, un 3,62% do total de atencións (1.939.334).

A estes datos hai que engadirlles as case 10.000 atencións telefónicas dos profesionais de farmacia, matronas, odontólogos, hixienistas bucodentais e traballadores sociais.

Galicia, líder nacional desta modalidade

Os datos están aí e confirman que o futuro que ten por diante esta modalidade asistencial xa non ten volta atrás. As expectativas son moi boas, sobre todo pola comodidade que ten o enfermo crónico de non verse obrigado a acudir en persoa ao centro de saúde para consultar cos seus profesionais.

Esta modalidade iniciouse en 2013 en toda Galicia, pero dende o principio foi Vigo a área que liderou o seu crecemento. Tense mostrado como unha ferramenta moi eficaz e beneficiosa para os usuarios; de feito, o Ministerio de Sanidad propón agora a inclusión da mesma, a medio prazo, na súa estratexia para reformular a atención primaria nacional.

Anuncios
error: Contido protexido