Gondomar pon a disposición dos veciños trampas para acabar coas vespas velutinas

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Antonio Araúxo con dúas trampas para vespas velutinas.

Como é sabido a vespa velutina ou vespa asiática, ten un ciclo biolóxico anual que comeza da seguinte maneira. Entre setembro e outubro nacen as femias e os machos sexuados (en condicións para se reproducir), que tras a fecundación nacerán as futuras Mestras (ou Raíñas) do novo ciclo anual. De seguido, e unha vez extinguido en enxamio a finais do outono (morren as obreiras, os machos, e as vellas raíñas), as novas Mestras nacidas e fecundadas (as fundadoras), pasarán o inverno nos ocos de árbores vellas, en ocos de rochas ou, incluso metidas nos balados. A finais do inverno, aquelas que sobrevivirán pasarán a construír o chamado niño primario, do tamaño dun puño, normalmente no faiado das casas, e onde a Mestra fai una pequena posta, arredor de 30 ou 40 ovos, dos que sairán as obreiras que procederán á construción do niño principal en árbores, casas, incluso no chan. Nesta fase, e xa construído o niño principal, a Mestra ou Raíña xa quedará definitivamente no interior do niño dedicada á posta de ovos.

Pois ben, atendendo a este curioso ciclo biolóxico, os dous momentos máis interesantes para proceder ao trampeo, son a principio da primavera que saen a Raíñas fundadoras alimentándose basicamente de flores (sobre todo do camelio e en xeral flores de moito colorido), e agora a finais do outono en que esas mesmas fundadoras antes de invernar tamén saen a alimentárense de flores e froita. Xa que logo é o momento de instalar as trampas, tendo en conta que por cada vespa velutina Raíña que se atrape, estaremos evitando o nacemento de arredor de 40.000 novas avespas na primavera.

“Dende a Concellería de Medio Ambiente de Gondomar queremos insistir na importancia de controlar esta praga, e por iso convidamos a toda a veciñanza a instalar as súas trampas en froiteiras, árbores, etc, pois esta é una loita de toda a sociedade, non só dos apicultores, pois esta vespa ao carecer de depredadores naturais, é letal para o noso ecosistema, comezando polas nosas avellas que cazan sen piedade exterminado os enxamios”, afirma Antonio Araúxo.

As trampas son moi sinxelas de construír, con botellas plásticas, e como líquido atraínte funcionan perfectamente a cervexa negra ou a sangría de brik que se vende nos supermercados.

“Quen queira trampas, tamén pode pasar polo Departamento de Medio Ambiente do Concello que lle entregaremos as trampas que queiran, feitas con botellas recicladas”, conclúe Araúxo.

Anuncios