Sin categoría

A rúa Cidade de Vigo de Baiona permanece acordoada

O desprazamento doutra das cornixas no bloque de vivendas situado na rúa Cidade de Vigo en Baiona, obrigou aos Corpos de Seguridade a manter acordoada a zona. Ademais como medida preventiva os traballadores apontoaron os saíntes de ladrillo e cemento do primeiro e segundo piso mentres esperan a que unha empresa especializada elabore un informe detallado sobre o estado estrutural do edificio.

O inspector xefe da Policía Local, Pedro Alonso, explicou que tras iniciar os traballos de retirada da xardineira situada nun terceiro, cuxo desprendemento foi detectado por un dos veciños o pasado venres, a situación volveu repetirse de igual maneira aínda que nesta ocasión na planta inferior. «Tras comprobar o que estaba a suceder optamos por apontoar a fachada e manter a zona pechada ao tráfico e a viandantes co fin de previr desprendementos de cascotes e minimizar riscos», explicou. Así mesmo e ao entender que non se trata dun feito illado procederon á suspensión dos traballos como medida cautelar ademais, tal e como asegurou Alonso, «non é a primeira vez que o edificio Cidade de Vigo dá problemas deste tipo». Aínda que a primeira vista os danos só producíronse na fachada, terán que esperar aos estudos pormenorizados dos técnicos para avaliar o estado xeral da súa estrutura, co que polo momento a zona permanecerá acordoada.

O alcalde, Ángel Rodal, pola súa banda explicou que posiblemente o agretamento do maceteiro de obra situado unha altura máis abaixo produciuse polas vibracións produto dos traballos levados a cabo onte (polo venres). «Entendemos que foi unha mala casualidade aínda que a última palabra terana os técnicos», engadiu. Polo momento o tramo do céntrico viario permanece pechado deixando un corredor de entrada a residentes, que teñen que acceder ao inmoble afectado pola porta contigua, ademais doutra estreita pasarela pola beirarrúa de en fronte. A medida adoptada obriga aos condutores para ter que desviarse pola rúa Carabela Pinta para poder acceder á rúa Elduayen, o que provoca pequenos embotellamentos puntuais na zona.