Decorar as casas e comercios polo Nadal terá premio en Gondomar

O Concello de Gondomar pon en marcha o I Concurso de Decoración de Nadal, co obxectivo de implicar ao máximo á veciñanza e o comercio local “nunha celebración que se está convertendo nun referente na comarca e o sur da provincia”.

Así o manifestou o rexedor, Paco Ferreira, quen explica que “damos un paso máis premiando a implicación da nosa xente en engalanar cos mellores adornos e luces o noso municipio, e dar máis razóns á xente para que se achegue a coñecer o noso Nadal”.

O I Concurso de Decoración de Nadal, promovido polas Concellerías de Comercio, Turismo e Cultura, propón un tema de partida: “A Fábrica de Nadal” e nela pode ter cabida todo tipo de elementos de Nadal e cores.

Quen queira sumarse ao concurso terá ata o próximo día 10 de decembro de prazo para cubrir un formulario -que xunto ás bases pódese descargar na páxina www.concellodegondomar.gal– e presentalo no Rexistro Xeral do Concello ou por Sede electrónica. Só se admitirá unha solicitude por persoa e os participantes rexistrados deberán achegar 1 quilo de alimentos propios destas datas para o banco de alimentos municipal.

Establécense varias categorías. No caso do comercio, decoración interior e exterior ou escaparate, escollendo só unha modalidade para presentarse. Igualmente, os particulares que participen poderán facelo optando ao premio á mellor decoración de xanelas ou balcón, ou mellor decoración de vivenda unifamiliar ou xardín.

Unha vez terminada a decoración deberán presentar tres fotografías da mesma a través do correo comercio@concellodegondomar.gal, antes do 14 de decembro, de maneira que se aprecien todos os detalles que serán valorados polo xurado. O importe dos premios, que oscilan entre os 50 e 200 euros, “só poderá ser trocado nos establecementos participantes no concurso”.

Máis información en oficinadeturismo@concellodegondomar.gal, ou no teléfono 986 38 40 20 en horario de 8:00 a 14:30.