A baionesa Mila López, campioa da Extremadura European Paracycling Cup

Esta fin de semana tivo lugar a Extremadura European Paracycling Cup, proba C1 para o Ránking UCI Continental organizada por FUCICAM e que conta co patrocinio da Junta de Extremadura, Deputación de Cáceres e os Concellos de Casar de Cáceres e Cáceres.

Galicia estivo representada polos ciclistas Iván Montero MH5 e Mila López WH4, ambos os dous do Club Ciclista Riazor, nunha competición que contou con máis dun centenar de paraciclistas provenientes de diversas comunidades autónomas, así como a participación estranxeira de corredores de Ghana, Romanía, Venezuela, Polonia, Bolivia e Portugal.

O circuíto sobre o que se desenvolveu a proba en ruta do sábado 30 en Casar de Cáceres era de 11,6 quilómetros nos que Handbike, Triciclos, Tándem e Bicicletas daban entre 2 e 8 voltas segundo categoría.

O domingo 31 o percorrido da contrarreloxo polas rúas de Cáceres era de 10,2 quilómetros no que Handbike, Triciclos, Tándem e Bicicletas debían dar entre 1 e 3 voltas segundo a súa categoría.

Iván Montero conseguiu un segundo posto en ambas as dúas probas proclamándose subcampión da Copa de Europa na súa categoría MH5, mentres que a baionesa Mila López, tras obter un primeiro posto os dous días, finalizou a competición como campioa da Extremadura Paracycling Cup.

Ambos, ademais, acaban de iniciar a tempada, hai apenas unhas semanas, na Copa de España, que este ano ten como novidade unha proba en Galicia dentro do seu calendario o día 8 de xuño en Viveiro e organizada polo C.C.Viveiro.