O PP confía no proxecto “renovador, integrador e moderado” de Rodal para revalidar a Alcaldía

O Partido Popular de Baiona presentou este sábado a candidatura coa que afrontará as próximas eleccións municipais do mes de maio, “unha lista completamente renovada, que mestura experiencia e mocidade, xente formada que vai achegar un novo aire e boas ideas, composta por 23 persoas, con ilusión, comprometidas e con ganas de traballar por e para Baiona”.

No acto, celebrado no Auditorio V Centenario e ao que acudiron veciños e simpatizantes, interveu Jesús Vázquez Almuiña, coordinador comarcal, e Alfonso Rueda, presidente provincial, quen asegurou que o proxecto “renovador, integrador e moderado” de Ángel Rodal e o seu equipo “son a mellor garantía para o futuro de Baiona”, onde o Partido Popular confía en revalidar a Alcaldía.

Rueda puxo en valor o traballo levado a cabo durante os últimos catro anos no Concello desta localidade, marcado pola proximidade aos veciños e a xestión eficaz de Rodal, que continuou o “magnífico labor” do seu predecesor, Jesús Vázquez Almuiña. O líder provincial do PP afirmou que os populares van saír a gañar con candidaturas que aúnan experiencia e renovación, que teñen vocación de goberno e presentando proxectos “viables e realistas”.

Despois chegou o momento de Ángel Rodal, que presentou un a un aos integrantes da candidatura, con Mª Jesús Garbín de número dous tras catro anos afastada da política local, e na que tan só repetirán catro membros do seu actual equipo de goberno. Policarpo Vilar, concelleiro de Accesibilidade e tenente de alcalde, así como o edil de Urbanismo, Jose Ángel Bahamonde, ocuparán a terceira e cuarta posición, respectivamente, mentres que Daniel García, responsable de Vías e Obras, e Mª Jesús Martíns, concelleira de Deportes, pasarán a segunda fila en décimo e vixésimo terceiro lugar.

“Compromiso, constancia, fidelidade e lealdade” foron algúns dos valores nos que estribou o discurso do alcaldable do PP, uns principios que en palabras de Rodal “motivaron a miña elección para configurar ao equipo que hoxe presentamos” e dos que resaltou o seu compoñente humano e social. “Trátase dunha nómina nova e modificada, que para min é un orgullo facer realidade”, reiterou.

Así pois, a lista confórmana Ángel Rodal Almuiña, Mª Jesús Garbín Domínguez, Policarpo Vilar Misa, Jose Ángel Bahamonde Rodríguez, Marta Blach Silva, Mauricio Vilar Pereira, David Rodríguez Amoedo, Natalia Figueroa Campos, Mª Elena Ribeiro Freire, Daniel García Dacuña, Ruth Álvarez González, David González Misa, Carla Gómez Domínguez, Fernando Valverde Chamorro, Miguel Leyenda Martínez, Francisco Javier Gómez Infiesta, Mª Luisa Martínez Álvarez, Alberto Valverde Pousa, Mª Esther Castro Suárez, Orlando González Rivera, Pilar Pazo González, José Antonio Miniño e Mª Jesús Martíns Passos.

O candidato á alcaldía polo PP tamén botou a vista atrás para resaltar os logros conseguidos durante o seu mandato, con 12 millóns de euros en investimentos traducidos en múltiples actuacións, ademais da obra insigne do seu mandato, a biblioteca e arquivo municipal situadas no antigo hospital Sancti Spiritus. “Todo iso mantendo as taxas impositivas conxeladas desde hai 5 anos”.

A velada finalizou cunha fotografía de familia baixo unha árbore, “como símbolo das raíces que dan unidade a todas e cada unha das parroquias que conforman o municipio de Baiona”.

Anuncios