A Deputación inicia a campaña de medición do número de vehículos que circulan polas estradas provinciais

O departamento de Mobilidade da Deputación vén de iniciar a campaña de 2019 de control de aforamentos da súa rede de estradas para coñecer o número de vehículos que circula por cada vía. Neste exercicio realizaranse un total de 150 medicións, das que 119 serán semanais e 31 diarias en estradas de diferentes tipoloxías, controlando tanto o número de vehículos lixeiros e pesados, como se a velocidade á que circulan se corresponde coa establecida para cada tipo de vía.

Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez a campaña de 2019 está dividida en dúas épocas do ano. A primeira comprende os meses de marzo, abril, maio e comezos de xuño, mentres que o segundo período de aforamentos realizarase en outono, e servirá para volver aforar as estradas ou treitos de estradas de maior tránsito que se medirán dúas veces no exercicio.

Nestes días os traballos de medición céntranse nas vías máis transitadas do concello de Vigo, onde están instalados tres medidores na EP-2001 Calvario-A Garrida, outro na EP-2002 Gran Vía-Avenida de Madrid, e outros dous na EP-2005 Meixoeiro-Cuvi no municipio vigués. Tamén hai aforadores na EP-9206 Portonovo-Vichona en Sanxenxo, así como na EP-9305 Coirón-Ribadumia-Leiro en Meaño, e na EP-9402 Mosteiro Barrantes e na EP-9405 San Martiño-Armenteira-Busto, no Concello de Meis.

O mércores desta semana está previsto comezar os aforamentos na EP-2303Gondomar-Vilaza-Parada de Gondomar, na EP-2502 Cerquido-Ribadelouro de Salceda de Caselas, na EP-2908 Arcade-Amoedo de Soutomaior, nas EP-3302 Tabagón-Rosal-Portocelo e EP-3303 Tabagón-Goián de O Rosal e na EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira de Caldas de Reis. Tamén se iniciarán as medicións na comarca do Morrazo, na EP-1102 Meira-Fraga de Moaña, na EP-1202 Seixo-Santo Tomé de Piñeiro de Marín, e na EP-1301 Alto da Portela-Beluso de Bueu. Na comarca de Pontevedra os conteos realizaranse dende mediados de abril ata mediados de maio.

Segundo explica Benítez, todas estas vías soportan unha grande intensidade de vehículos, polo que os aforamentos repetiranse a finais de ano co fin de recoller máis datos para facer unha análise rigorosa. De feito, é preciso medir as intensidades medias diarias de vehículos en diferentes puntos quilométricos, xa que os resultados varían tanto da ubicación, da estación ou mes do ano en que se fan, o que aconsella levar un control e estudio constante para saber cales son os puntos máis conflitivos.

Os equipos que se empregan para contabilizar os coches e as súas velocidades son estacións pneumáticas para tódolos casos. Consisten nun aforador móbil conectado a dúas gomas que se ancoran na estrada a unha distancia determinada e que detectan o paso de vehículos pola presión que estes exercen sobre elas, rexistrando o número de vehículos, a hora de paso, a distancia entre eixos (que permite coñecer se se trata de vehículos pesados…), etc.

Tres tipos de estradas

As estradas provinciais dividíronse dende o inicio en tres grupos segundo a súa intensidade media diaria (IMD) no Plan de Aforamentos de 2017 e analizaranse de diferente maneira. No primeiro grupo –o de máis tránsito- instalaranse 24 estacións de aforo con dous estudos semanais cada ano. No grupo dous vanse colocar 252 estacións de aforo cunha medición semanal cada catro anos, en estradas con menos intensidade de vehículos cun tránsito que non varía substancialmente. Finalmente, no grupo terceiro, faranse 124 estacións cun aforo diario cada catro anos.

A rede provincial conta de 377 estradas e case 1.700 quilómetros de lonxitude, o que supón o 50% da rede total (do Estado e da Xunta e o 16% do tráfico real. Os datos que se manexan actualmente revelan que en máis da metade das estradas da provincia o número de vehículos diarios non chega aos 1.000, que só 16 estradas soportan un tránsito de máis de 5.000 vehículos, e que hai 13 vías que apenas chegan aos 50 vehículos por día.

Os datos recollidos neste ano xuntaranse aos do exercicio anterior e aos dous vindeiros (ata 2021), data na que remata o vixente Plan Plurianual de Aforamentos contratado polo departamento de Mobilidade. O deputado Benítez destaca que esta información supón unha ferramenta moi útil para priorizar actuacións a favor dun maior servizo á cidadanía, fomentar a conectividade e aumentar a seguranza viaria.

Anuncios