O Rally Cidade de Narón, próxima carreira para Alberto Meira e José Murado

A chegada do verán marca o ecuador do Campionato Galego de Rallies, cunha proba na que hai 140 equipos inscritos, e que o vindeiro venres 22 de xuño comezará a facerse sentir na comarca de Ferrolterra.

Despois do forzoso abandono no pasado Rally Rías Baixas, que lle impediu puntuar, Alberto Meira regresa á actividade esta semana con motivo do Rally Cidade de Narón. Unha carreira que xa gañou en tres ocasións, e onde espera reactivar as súas opcións para a loita polo título autonómico.

“A verdade é que o Rías Baixas foi un rally en grao sumo atípico -comenta Meira- no sentido de que todos os que saiamos como teóricos favoritos a gañar, quedamos fóra de carreira ou moi lonxe dos postos de cabeza. Todo segue practicamente como estaba despois dos dous primeiros rallies, e agora veremos que nos depara Narón. É unha proba con tramos moi particulares, bastante diferentes ao que é habitual noutras zonas de Galicia. Case sempre se corre por pistas estreitas, en zonas arborizadas, que non permiten ver ben que hai detrás de cada curva, e onde a experiencia e a precisión nas notas valen de moito. Por outra banda aínda que se adoita disputar sempre en xuño, alí xa vivín carreiras de todo tipo, unhas veces chovendo e outras, como sucedeu o ano pasado, baixo unha calor asfixiante”.

O Siroco Team Narón organiza esta proba cuxos oito tramos cronometrados celebraranse ao longo do sábado 23, pero onde o venres 22 haberá a novidade do “tramo de probas”, que será opcional para os equipos que desexen inscribirse nel. Meira explica que “a nosa intención, co coche revisado tras o Rías Baixas, é precisamente saír a probalo nese tramo, para facer os últimos axustes de fronte ao rally”.

VENRES 22 XUÑO

Verificacións de 16h a 20h30

Parque de asistencia situado no Polígono Río do Pozo

SÁBADO 23 XUÑO

Saída rally ás 7h30 desde C.C. Odeón

Tramo A – “Cerdido” ás 8:30 e 11:50

Tramo B – “Ferreira” ás 9:15 e 12:35

Tramo C – “Vilaboa” ás 16:50 e 19:50

Tramo D – “Vilachave” ás 17:25 e 20:25

Final do rally a partir das 21:45 en C.C. Odeón

Resultados en directo en… www.temposfga.eu