Bouzós acusa a Ferreira de “falta de xestión” por non solicitar unha rebaixa no canon de Sogama

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A candidata do PP á Alcaldía de Gondomar, Paula Bouzós, mostrou a súa satisfacción pola recente adxudicación do servizo de recollida do lixo, “grazas en gran medida, ao voto a favor dos concelleiros do Partido Popular, que nun acto de responsabilidade miraron nesta adxudicación unha mellora no servizo que se estaba dando ata o de agora aos veciños, a pesar da tardanza en facer todo o proceso, pola falta de entendemento do propio equipo de goberno que dedicaron máis tempo aos enfrontamentos entre eles que a resolver os problemas da veciñanza de Gondomar”.

Ao mesmo tempo, lamenta que como causa dos xa mencionados enfrontamentos, os veciños se vexan prexudicados pola “falta de xestión” do actual equipo de goberno municipal, que non tramitou a tempo a solicitude da rebaixa do 10% do canon de Sogama, tal e como fixeron o 77% dos municipios galegos adheridos a este modelo de tratamento de residuos sólidos urbanos.

Deste xeito, os veciños de Gondomar non se beneficiarán dunha rebaixa do 10% no pagamento do recibo de recollida de lixo correspondente á achega a Sogama tal e como van facer os residentes en 229 municipios galegos que si optaron por acollerse a esta oportunidade vantaxosa que ofrece este ente público.

Sogama ofrecía ata o 25 de febreiro de 2019 a todos os concellos adheridos ao seu modelo de xestión do lixo a posibilidade de acollerse a esta rebaixa do 10% de aplicación directa aos usuarios. O trámite a seguir era sinxelo e consistía en solicitar por escrito a Sogama a aplicación da bonificación referida antes desa data e asumir, por parte do Concello, o compromiso de trasladar dita bonificación ás persoas beneficiarias do servizo. Finalmente o Concello tíñase que comprometer tamén á adopción de medidas orientadas cara á redución da produción de residuos e/ou o incremento e fomento da reciclaxe.

Ademais da publicación no DOG, a empresa pública remitiu cartas a todos os concellos adscritos ao seu sistema explicando a iniciativa, que se reforzaron posteriormente con correos electrónicos nos que se profundizaba na mesma.

Tendo en conta estas circunstancias, Bouzós amosou o seu malestar pola “incomprensible falta de reflexos” do alcalde, o socialista Francisco Ferreira.

Anuncios